Boa parte da produción editorial en galego correspóndelle á literatura infantil e xuvenil, á que onte se lle dedicou o Día Mundial correspondente. En concreto, arredor dun terzo dos libros editados en Galicia na lingua do país están destinados aos nenos e mozos, segundo explicou o director da editorial Kalandraka, Xosé Ballesteros. Esta cifra acada maior valor tendo en conta, dixo, que "nos dous terzos restantes inclúense tamén diccionarios e libros de texto".
Kalandraka dedícase en exclusiva a este xénero, ao igual cá editorial OQO, pero firmas máis amplas coma Xerais, Galaxia ou A Nosa Terra, tamén destinan boa parte da súa produción á literatura infantil e xuvenil. O director de Xerais, Manuel Bragado, calcula que este xénero supón máis do 20% dos exemplares vendidos e supera o 10% dos beneficios. O responsable de Edicións A Nosa Terra, Enrique Acuña, conta que a literatura infantil, sobre todo, supón o 65% da súa produción. "O peso e o pouso da nosa oferta para nenos son as distintas coleccións de Os Bolechas", recoñece. Mentres, Galaxia pasou de editar 24 libros infantís e xuvenís en 2006 a 36 o ano pasado do cento que adoita sacar anualmente. O incremento debeuse, sobre todo, á reedición da colección Os Musicontos.
Porén, o principal motor do xénero está no sector do ensino. Entre os manuais escolares e os libros recomendados polos profesores, Ballesteros calcula que "preto do 60% da produción editorial en Galicia está destinada ao mundo escolar". Bragado destaca que foi "a paixón de toda unha xeración de profesores que amaban a literatura" a que fixo despegar este tipo de produción. Con escritores coma Paco Martín, Xabier P. Docampo, Agustín Fernández Paz ou Fina Casalderrey, "a literatura infantil e xuvenil galega é sinónimo de calidade e excelencia".
Aínda así, Acuña di que pouco a pouco "vaise avanzando e os pais xa mercan máis nas librerías, non só por recomendación escolar, e os nenos xa piden libros na casa tamén". O auxe da literatura infantil e xuvenil nos últimos anos produciuse, na súa opinión, porque "medrou o parque de lectores e o compromiso dos profesores coa lectura, as editoriais apostaron pola profesionalización e a inmensa calidade dos ilustradores galegos en colaboración con bos escritores".
Ballesteros conta que Kalandraka non está a notar os efectos da crise, xa que "non cambiou o plan editorial e as ventas tampouco caeron". Bragado, pola contra, asegura que "nos últimos meses se están restrinxindo as vendas en xeral, non só en infantil e xuvenil". Iso non significa que se lea menos, xa que "medra o número de lectores entre os máis novos e o préstamo bibliotecario".
Premio aos 'Sonos de Grandeza'
O ilustrador mexicano Felipe Ugalde gañou a segunda edición do Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados, convocado polo Concello e a editorial Kalandraka e dotado con 12.000 euros máis a publicación do libro nas cinco linguas peninsulares. O traballo gañador foi Sonos de Grandeza, a historia dun crocodilo que vai medrando en tamaño e pretensións. Destaca, segundo o xurado, polo "valor metafórico" das imaxes, "que resumen as aspiracións do protagonista". n

