Coa sala xa en "modo penumbra", luces baixas e a conexión como a seda. Ven de celebrarse a conferencia de presentación desta 10ª XGN, e xa quedou claro o ambiente festeiro. Antes de que Quim Llorga, o presentador dixera "bos días", xa houbo os gritos de "tongo" dende os bancos: "E iso que aínda non sorteamos nada".
Paulo Rodríguez, voceiro da organización, cortou o problema colocando un cartel de "Tongo!!!" diante del e declarando: "A partir de agora, chamádeme Señor Tongo". E, xa en serio explicou o necesario para desenvolverse na party (configuracións de rede esas cousas) , axudado por pantallazos de Enjuto Mojamuto, 28 días despois e similares.
Tamén detallou as vantaxes da nova ubicación no Multiusos. Primeiro, entra máis xente; segúndo hai duchas, terceiro, pódese usar o ximnasio e a piscina (aínda que non se achegará ninguén mentres non baixe o frío); e cuarto, parece un mapa do Quake.
TORNEOS DE XOGOS
Os eventos estrela será o Campionato de Robótica e a presentación das novidades de LEGO. Coma todos os anos, haberá unha campaña de promoción do software libre, en colaboración con Mancomún, o organismo da Dirección Xeral de Sociedade da Información e os torneos de xogos, xa pechados e cunha lista de espera de páxinas e páxinas. Competirase en Call of Duty 4, Trackmanía, Quake 3, Starcraft (un clásico) e Pro Evolution Soccer 4. E a menor escala profesional ao MAME, o mítico emulador de recreativas, e ao Mario Kart.
Fíxose tamén o primeiro sorteo deste ano acompañado, xa se esperaba, de berros de tongo. Foron caendo videoxogos de FX, algún mp3 e bolsas cun pouco de todo. Ao final, un participante desconfiado subíu a sacar el os números, sen que mellorase a súa sorte.
Detalle geek: Ao igual que o ano pasado, haberá segways a disposición dos participantes para darse unha volta polo multiusos.
A sala de conferencias improvisada na cancha de baloncesto estaba chea ata a bandea, a medias por interese e a medias, como se comentaba por aí, "a cantas máis charlas veñamos, máis posibilidades hai que nos toque un premio".

