A extranet, a zona aberta da Xuventude Galiza Net , xa está a pleno rendemento, e preparada para recibir a afluencia de visitantes da tarde, logo dunha mañá tranquila. Chama a atención o stand de LEGO, con versións de Bender ou a Estrela da Morte feitos de pezas cúbicas.
Non faltan os clásicos, como os obradoiros de globoflexia para os máis pequenos, o scalestrix e os cursiños de loita con armas de seguridade, realizados polos organizadores de Irmandiños: A Revolta, case sempre rodeados dun remuiño de xente baténdose con espadas de gomaespuma.
Como novidades, a Dirección Xeral de Comunicación colocou un percorrido virtual con aerodeslizadores por Santiago, que é vistoso pero un tanto difícil de usar; e hay unha zona de planetario, para cursos de astronomía.
'PIQUES' AO STREET FIGHTER
Aínda que a esta hora, o máis concurrido son as áreas de videoconsolas, nas que se pode botar unha partidiña rápida e que este ano, como novidade, permanecerán abertas toda a noite. Os 'piques' ao Street Fighter 4 son dignos de verse.
Anda por aí tamén Rubén Cela, o director xeral de Xuventude en funcións, no que será un dos seus últimos actos oficiais no cargo. Cumpre co seu costume de pasear polos eventos sen chamar a atención, para ver o ambiente e mesturarse cos participantes.
Mentres tanto, abaixo, na zona de participantes. fanse turnos para gastar o primeiro bono de comida, sen que os ordenadores queden balerios durante moito tempo. As pantallas proxectan as primeiras fotos sacadas polos participantes (velaí a interactividade). En breve comezarñan os primeiros concursos.
