O stand de software libre (SwL) na Xuventude Galiza Net reúne a todos os axentes creadores e difusores de programas de código aberto en Galicia baixo a bandeira de Mancomún.org, o proxecto dinamizador organizado pola Consellería de Industria. Falamos co seu coordinador, Suso Baleato.
A estrela do stand este ano é o Galinux, a versión de Ubuntu [Linux] traducida ao galeg. Está a ter boa acollida?
Si, estamos a repartir unhas cantas copias e folletos explicativos. O noso obxectivo é dar a coñecer as vantaxes do SwL, unha opción máis segura, máis económica e con maior variedade de actualizacións. Tamén divulgamos outros proxectos.
Por exemplo?
O MiniNo, realizado polo GalPon, de Pontevedra. Tamén animamos á xente a que nos envíe os seus vídeos para o concurso "Eu son un Galinux", que se integrará como apartado dentro da proposta de vídeo-creación promovida dende a organización do XGN.
Dende que existe Mancomún, hai uns dous anos aproximadamente, sempre tivo presenza na XGN, non é?
De feito, a comunidade galega de SwL tivo presenza dende antes. Acudían os grupos de usuarios pola súa conta, unhas dez ou once organizacións. Agora Mancomún serve como aglutinador. Probámolo no XGN 08 e na Conferencia Internacional de Software Libre (CISL) en Málaga. Tivo éxito e agora repetimos.
Mancomún foi un proxecto do bipartito. Teme polo seu futuro co cambio de goberno?
Non teño por que. O PP, no seu programa electoral, leva un claro compromiso de implantar o uso do SwL na Xunta, e para iso non só van ter que apostar por el aínda máis.
Aínda máis?
Hai que ter en conta que os programas de SwL precisan de empresas que os desenvolvan e os manteñan, non é mercalos e listo. Nós levamos facendo ese traballo de formiguiñas, de negociar co sector privado e de coordinar aos grupos voluntarios. E se realmente queren acelerar eses proceso ata o punto de poder migrar os equipos da Xunta a SwL, van ter que tomalo moi en serio.
Detalle 'geek': Mancomun colocou en varios puntos do Multiusos equipos para probar o Stepmanía, un xogo de simulación de baile, que é de código aberto e do que mañá se celebrará un torneo.

