Son as dez en punto. Os altofalantes do recinto onde se apostan os 1800 participantes de Xuventude Galiza Net atronan nun ambiente onde a maioría todavía durme da xornada de onte. Un día con moita actividade, cunha intensidade que hoxe pretenden repetir. Sacos de durmir nos corredores, abultados e inmóbiles. Comezan a se despexar. Primeiro, como mortes vivintes. Aos poucos minutos, despois dun almorzo a base de café e croissants na carpa habiliada para ese uso, chegan aos seus postos de competición, dispostos a gañar algún dos torneos que terán lugar ao longo do día.
Un dos primeiros e máis chamativos é o de robótica. Ademais de cursos que pretenden mellorar a construción dos aparatos, a organización ten preparados varios xogos con xugosos galardóns. Faltan só uns minutos para as dez en punto, e Germán, un dos organizadores, proba cun participante a proba do 'labirinto coñecido'.
Consiste nun conxunto de raias negras no chan que os robots, na súa maioría coches de fórmula 1, terán que seguir, dunha punta a outra, para conseguir os seus obxectivos. O sistema parece complicadísimo, aínda que en palabras destes informáticos un diría que construír unha destas marabillas é moi doado.
"Os robots domésticos levan normalmente sensores de infravermellos, que distinguen o branco do negro. É así como logran seguir o camiño", di Germán. Ciscan un destes aparellos no medio e eles mesmos, mediante un micro procesador que recibe esta información, logran saír do circuito.
LIGAME COA ACTUALIDADE
A Fórmula 1 é unha das afeccións dos organizadores. O circuito de Malassia retransmítese en directo por pantallas xigantes. Á unha aproximadamente, cando remate o torneo real, os contrutores destes coches a escala competirán nunha proba que reproduce a clasificación e o circuito real.
O número de participantes inscritos nesta categoría está no medio centenar, aínda que dependendo de en que probas compitan, estas levarán máis ou menos tempo. A primeira hora da mañá, os que se achegan polo circuito parecen moi animados. Xoel aparece cunha excavadora Volvo Turbo Diesel a escala 1:25. É un modelo moi antigo, traeno só por rememorar vellos tempos e ensinala. "Construína hai nove anos, toda de madeira, con materiais reciclados, con caixas de froita e cousas así", di. Non vai competir con ela, loxicamente, pero se tivera que facelo, "tumbaría os muros e tiraría para adiante". Unha declaración primitiva, pero brillante, na era da intelixencia artificial.

