O veredicto de Blanco Amor: 'A esmorga' cumpre 50 anos

Medio século despois de publicar ‘A esmorga’ e cando se cumpren trinta anos do seu falecemento, Eduardo Blanco Amor segue vixente na literatura galega. Ao contrario que o protagonista da súa novela máis coñecida, o escritor ourensán venceu ao xuíz ausente
Iago Martínez / A Coruña Actualizado 01/05/2009 - 22:19 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 11 voto/s

Capa dunha das edicións d´AsmorgaNinguén xulgou a Cibrán porque Cibrán xa fora xulgado pola súa condición radicalmente periférica. A súa culpabilidade era unha condición previa ao relato d’A esmorga, a coartada ineludíbel para o seu deambular pola Auria/Ourense do século XIX na que Eduardo Blanco Amor (Ourense, 1987-Vigo, 1979) o colocou, ás portas dun destino tráxico a carón de Bocas e Milhomes. A novela máis popular do autor de Xente ao lonxe, como o personaxe central da peripecia que relata, tamén foi xulgada. Non é preciso agora, medio século despois da súa primeira edición e cando se cumpren trinta anos do falecemento do seu creador, que ningún xuíz a sitúe no seu contexto histórico. Está marcada dende o principio.

Como o propio Blanco Amor se encargou de explicar na revista Galicia do Centro Galego de Buenos Aires, da que era director, A esmorga non se publicou no país por unha conxunción de dous atrancos. Dunha banda, as reservas de quen na altura controlaba o consello de redacción da editorial Galaxia, para a que fora orixinalmente concibida a novela, consciente de que non ía ser posíbel que un texto así, onde entre outras moitas cousas se retrataba a brutalidade da Garda Civil, saíse do prelo pacificamente na España dos anos cincuenta. Da outra, a oposición das autoridades franquistas e a persecución de autores e obras disidentes aplicada polo aparato da censura, un dos organismos máis “arbitrarios, sinistros e corruptos”, como se encargaba de denunciar o propio escritor. Finalmente foi Citania, a editorial que o pintor e activista Luís Seoane tiña na capital arxentina a que publicou a historia de Cibrán. Foi o 3 de abril de 1959, e esa é a data que estes días celebra a institución política galega e que provoca, máis unha vez, que críticos, profesores, autores e medios de comunicación viren a ollada cara a unha novela que tería que agardar até o ano 1970, xa con Blanco Amor instalado en Galicia, para ser publicada a este lado do Atlántico. Con todo, tampouco nesa altura foi de balde, e o escritor ourensán tivo que renunciar a algunhas frases que non serían recuperadas até unha edición máis recente da súa obra completa, como precisa a profesora Dolores Vilavedra na súa Historia da Literatura Galega de 1999.

De todas as razóns que poden explicar o impacto d’A esmorga na crítica da época, e a súa vixencia cincuenta anos despois, a técnica non é un dos menores. Certo é que o escenario de violencia no que se desenvolve a xoldra, un artefacto que cómpre pensar politicamente, é un dos elementos máis subliñados pola institución literaria e que aínda hoxe causa un grande interese nos estudantes que se enfrontan á súa lectura no bacharelato. Pero tamén o é que o dispositivo narrativo, o recurso telefónico do testemuño –transcrición– de Cibrán diante dun xuíz que cala, esa figura do poder na súa encarnación máis terrorífica que serviu a Gonzalo Allegue para poñerlle título á súa ambiciosa biografía de Blanco Amor (Diante dun xuíz ausente, Nigra), é un dos riscos que converten A esmorga nunha das novelas máis valiosas da posguerra. Como os personaxes de Kafka, sometidos a unha lei que descoñecían –difícil imaxinar maior tortura–, Cibrán dá conta do itinerario da súa traxedia nun rigoroso réxime de incomunicación.

A vitoria é verbal
Como a de Genet, segundo o seu propio dicir, a vitoria de Blanco Amor tamén foi verbal. A construción da linguaxe precisa para contar A esmorga, isto é, para dar voz aos protagonistas da novela e para construír o espazo urbano no que se inscriben, para alén de contribuír á modernización do xénero da novela en Galicia, como indica Vilavedra, fundamenta a súa vixencia actual. A súa invención da cidade, ou máis exactamente a súa fundación da periferia, segue a interpelar hoxe a varias xeracións de escritores e escritoras, de lectores e lectoras, non só de Ourense, que vén en Blanco Amor un outsider, unha aporía, un emigrante convertido en exiliado que viviu o conflito co poder dende a súa propia sexualidade até a súa práctica como escritor, e aínda máis, como unha voz que non lle perdeu pé ao seu século e que chega aos nosos días coas súas cargas de profundidade intactas, prontas a estourar unha e mil veces máis. Sempre que sexa preciso.

Inscrito pola historiografía na narrativa do exilio, e fóra da Nova Narrativa Galega malia a ser contemporáneo coa súa irrupción no panorama literario da época, Eduardo Blanco Amor nace para a literatura galega logo da Guerra Civil, aínda que non abandonaría a escrita en castelán, lingua na que publicaría La catedral y el niño (1948) e Los miedos (1963), finalista do Premio Nadal e novela da que o autor ensaiara primeiro unha versión en galego, finalmente destruída por el mesmo.

O romance entre a censura franquista e a obra literaria de Eduardo Blanco Amor non acaba n’A esmorga. O mesmo lle había acontecer, ao seu texto e ás ilustración que Isaac Díaz Pardo preparara para o volume, con Xente ao lonxe, publicada en 1972 nunha versión censurada e en 1976 na edición completa.As dificultades eran previsíbeis tratándose dunha novela comprometida que retrata o desenvolvemento do movemento sindical en Ourense a través da figura de Suso, o protagonista, e da súa familia, moi vinculada a ese mundo. Talvez, como apunta Vilavedra, iso explicaría que a novela fose derrotada no Premio Galicia convocado en 1970 polo Centro Gallego de Buenos Aires, que finalmente gañou Xohana Torres con Adiós, María.

Asimilada interesadamente segundo os padróns da picaresca española, A esmorga foi felizmente recuperada para a dinámica propia da literatura galega. Hoxe sobrevive ao paso do tempo como unha novela sorprendentemente fértil para a tradición na que se inscribe, perfectamente conectada cos imaxinarios que na altura dos anos cincuenta atravesaban a narrativa europea e, ao cabo, como un testemuño da revolta, do cuestionamento, da posición deliberadamente periférica e des-centrada do seu autor. Medio século logo de superar os atrancos da censura franquista e publicarse no exilio arxentino, como se o proceso de Cibrán diante dun xuíz ausente puidese ter o seu reverso na canonización do seu autor e no diálogo que aínda segue aberto entre o texto e os novos autores galegos, parece posíbel dicir que Blanco Amor venceu, que o veredicto lle foi favorábel. Non sendo, claro, que reparemos en que é o poder político, e cal, e aínda como, con que discursos, quen agora celebra a súa vixencia e lle rende homenaxe. Talvez o xuíz e o escritor sigan a falar linguas diferentes.

Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad

Título:
Comentario:
Nombre:
Email: (no se visualizará)
Introduce la palabra de la imagen
Código de verificación para prevenir envíos automáticos.
kaptcha
Identificarse con:
  

Esta página publica todo tipo de opiniones, réplicas y sugerencias de interés general, siempre que sean respetuosas hacia las personas e intituciones.
Se aconseja un máximo de 15 líneas, que podrán ser extractadas por nuestra Redacción.
Los autores deben hacer constar: nombre y apellidos, y e-mail.
Aquellos textos que no se ajusten a estos criterios podrán ser retirados de la web.