Por problemas de tempo, ao final non se puido celebrar onte a Real Time Battle. Este é un concurso no que os participantes meten os seus robots –son software, mellor sería chamalos bots– nun campo de batalla. Todos á vez. Cando se dá o sinal para comezar, empezan a disparar como posesos, intentando matar ao resto de participantes.
É un xogo ben sinxelo cando un está de observador, pero o proceso para chegar ata aquí non é tan doado. Cada informático ten que programar o seu combatente e, unha vez que isto está feito, poden darse problemas co servidor, que non soporte ben un número elevado de guerreiros. Se hai equipos que se colgan, de seguro que vai haber beros de "tongo", aos que os asistentes de Xuventude Galiza Net son afeccionados. Por esta razón, os organizadores están a probar o sistema antes de lanzar o desafio.
O ambiente está moi tranquilo. A xente ve a carreira de Fórmula 1 mentres se divirte no seu ordenador. Só un reducto de raparigos inquedos se está a mover das súas cadeiras logo de dúas xornadas intensas. Xogan a Stepmania.
Este videoxogo comezou nas recreativas para pasar aos salóns de todo o mundo. Está moi ligado aos otakus, afeccionados ao manga, pois Xapón é o máximo exportador destes produtos. O xogo consiste nunha alfombra de metal con catro botóns que se pisan seguindo as indicacións de catro frechas na pantalla, que van ao ritmo dun tema musical.
Nestes intres, estase a desenvolver a tanda clasificatoria para as semifinais deste xogo. O primeiro premio é unha alfombra profesional, metálica, mentres que o segundo e o terceiro clasificado levarán un mp4 e un mp3. Informaremos dos resultados en breve.
Tamén están previstas dúas probas de robots para dentro dunha hora.

