Os concursos multiplícanse en Xuventude Galiza Net. Esta décima edición está a deixar verdadeiras xoias técnicas. Aos robots e equipos modificados presentados onte, haille que incluír agora deseños en tres dimensións do Pavillón Multiusos Fontes do Sar, edificio onde ten lugar este evento.
Os organizadores pediron aos participantes que deseñaran con programas habilitados para estas funcións un plano do lugar en dúas horas. Nese curto plazo, a maioría lograron presentar un bosquexo bastante fiel ao que aquí se pode contemplas estes días. Estaban obrigados, ademais, a entregar varias imaxes que ensinaran o proceso de creación, para probar que o deseño era da súa autoría. O gañador foi Javier Portomeñe Cabanas, cun plano xeral desta paisaxe informática que epatou aos organizadores, contentos cos niveis de participación que se están a dar.
Nestes intres, estanse a levar a cabo outros pequenos torneos, moitos inventados sobre a marcha para entreter ao persoal. Pero o ambiente está, en xeral, moito máis calmo que onte. Vese que dous días de actividades intensas deixan mallado a calquera, e este domingo preséntase menos frenético que as xornadas anteriores. De feito, algúns xa están a marchar. Os organizadores estan a dar as pautas a seguir para empaquetar os equipos. Haberá un control na porta para cerciorarse de que ningúen leva de aquí material alleo.
O máis destacable desta primeira hora da mañá é o novo curso de Stop Motion, que comezará nuns minutos. Esta técnica, normalmente aplicada en filmes de animación con plastilina como Pesadelo antes de Nadal, captura 25 fotos nun segundo, cada unha correspondente a un fotograma da película, que, ao seren animadas, dan a sensación de movemento. Vense de anunciar por megafonía un novo curso de robótica, visto o éxito de onte.

