Pode que sexa a sorte do principiante. A cuestión é que o equipo Xaquín, que non responde ao nome dunha persoa, senón dun grupo –"é unha historia moi longa", din os seus membros–, e que construíu o seu robot nun día, vai en cabeza na proba de habilidade de Xuventude Galiza Net.
O campionato consiste en seguir as liñas trazadas no chan, que simbolizan un labirinto, para saír deste. Uns sensores infravermellos mandan os estímulos recollidos a un microprocesador, que transforma os datos recollidos en información últil para realizar os xiros.
Xaquín inscribiuse nun dos cursos de robótica da cita, e aquí están, gañando. "Fomos por curiosidade. Viramos algúns vídeo en Internet e coñeciamos a amigos que o probaran, pero nós non tiñamos nin idea", di Ismael, membro do equipo. "O máis complexo foi o cableado e algúns elementos algorítmicos, aínda que hai utilidades que o fixeron máis fácil de programar", explica.
O seu robot foi xusto despois que o do equipo ICT, que tamén construíra o robot nun día. Esta máquina tivo problemas para dar algunhas curvas. Porén, parecía que todo ía ben ata que quedou bloqueado nunha e volveu para atrás no circuito. Xaquín non fixo unha entrada moi boa. O seu éxito chegaría na segunda volta.
Con lentitude, pero decididamente, un robot cun deseño feísimo, cables por fóra e rudimentario, avanzou inexorablemente ata percorrer catro quintos do circuito. A súa sinxeleza pareceu xogar ao seu favor.
Outros participantes con máis experiencia foron máis rápido, pero pasaron de seguir as liñas. NEC, que presentou unha sorte de nave espacial, marchou da liña de saída á velocidade da luz. Chegou moi lonxe. De non ter sido porque foi en liña recta, tería gañado.
As carreiras, a velocidade, son unha obsesión nesta edición de Xuventude Galiza Net. Hai dous minutos que comezou a carreira de Malasia, retransmitida en directo nunha pantalla xigante, e os berros de xúbilo dos participantes ao ver a Alonso de terceiro inundan todos os corredores do multiusos.
As probas de robots retomaranse á unha, cando os participantes virán co equipo reprogramado para unha terceira volta. Pretenden facer tamén unha reconstrución do circuito de Malasia.

