lA incidencia anual da sida en Gaicia está descendendo dende 1997 e é máis baixa ca do Estado, con 50 casos por millón de habitantes desde o 2001. Porén, a idade de transmisión, que se sitúa nos 41 anos, foi aumentando progresivamente e existen 66 enfermos maiores de 64 anos, o 80% son homes.
Dende 1984, cando se fixo o primeiro diagnóstico na autonomía, producíronse un total de 3.766 contaxios, 83 en 2008, e 2.085 falecementos por esta causa, segundo os datos difundidos onte pola Consellería de Sanidade.
Aínda que a vía de infección máis frecuente segue a ser o intercambio de xiringas, que representa o 64% dos contaxios producidos dende o inicio da epidemia, as autoridades sanitarias advirten do crecemento das situacións na que a causa son as relacións sexuais desprotexidas, que supoñen o 32% dos casos. Así, as prácticas entre heterosexuais representan o 21% e entre homes homesexuais acadan o 11%.
Cambio de tendencia
Durante os últimos cinco anos, os contaxios por vía parenteral de drogas estabilizaronse en torno ao 47% do total, namentras que só neste periodo os que tiveron que ver con relacións entre homes e mulleres supuxeron o 31% e entre varóns homosexuais o 19%. Neste último grupo hai 83 afectados dos 434 varóns que contraeron a enfermidade.
Tamén no conxunto do Estado se observa esta tendencia xa que, segundo os datos do Ministerio de Sanidade, as transmisións por vía sexual representaron entre 2003 e 2007 o 80% das situacións.
Máis casos en homes
A maior parte dos enfermos de sida de Galicia son homes. Dende 1984, supoñen o 77% dos pacientes. Son fundamentalmente adultos entre os 25 e os 39 anos (69%). A maioría deles recibiron o seu diagnóstico cando contaban con 41 anos de idade. A persoas nacidas entre 1960 e 1969 son as máis afectadas e representan o 56% dos casos. No entanto, a maioría dos detectados dende o ano 2000 están entre os maiores de 40 anos.
Segundo o informe presentado pola Consellería de Sanidade, se continúan aumentando as infeccións por prácticas sexuais desprotexidas é moi posible que no futuro se invirta a tendencia actual e sexan as mulleres as máis afectadas pola doenza, como ocorre na maior parte do mundo. Por iso, o obxectivo da Administración para os vindeiros anos é aumentar “as intervencións destinadas ao consello preventivo e á detección precoz da patoloxía con prácticas de risco de infección”.
Entre 2003 e 2008, a metade das persoas contaminadas souberon ao mesmo tempo que eran portadores do virus e que estaban afectadas pola sida, un dato que evidencia que as políticas de prevención non están sendo suficientemente efectivas.
De momento, A Coruña é a provincia na que se detecta a maior maior incidencia do VIH, cun total de 1.548 casos, dos que 45 se produciron o ano pasado. Pola contra, en Lugo só se rexistraron tres en 2008 e un total de 310 dende que aparecera a afección. En Pontevedra, houbo 1.485 (29 en 2008) e, en Ourense, 423, dos que tres se deron no úlimo ano.
Un 25% dos enfemos non o sabe
Dende a aparición dos tratamentos antirretrovirais no ano 1996, o sida convertéuse nunha enfermidade crónica. Así, entre os anos 1997 e 1998 producíuse na comunidade o maior descenso na súa prevalencia, cunha baixada que superou o 40%. Non obstante, a redución dos contaxios tamén se acompañou dunha disminución na percepción do risco que comporta o sida. Na actualidade, un 25% das persoas infectadas descoñéceno, segundo a Sociedade Española de Medicina Xeral.
Cada ano prodúcense en España entre 2.500 e 3.500 novos contaxios. Hoxe en día hai 150.000 persoas que sofren a enfermidade.

