O Instituto Cervantes realizou máis de 200 actividades de promoción da lingua galega, ademais de organizar cursos de divulgación e para a correcta aprendizaxe desta no período abranguido entre 2005 e 2008. Este traballo é parte da obriga da institución de dar a coñecer no mundo as linguas autonómicas do Estado, non so o castelán.
Así o indicou o Goberno de España, en resposta a unha pregunta parlamentaria formulada polo deputado do Grupo Socialista Domingo Miguel Tabuyo. Este labor realizouse mediante unha “ampla” programación e a sinatura de convenios de colaboración coas comunidades autónomas e outras entidades, concretou.
Os cursos de galego nas instalacións da rede de centros do Instituto Cervantes rexistraron “case un centenar” de matrículas, co obxectivo “garantir a oferta lingüística”, destacou este centro. En Galicia, a Xunta achegou o profesorado e os materiais didácticos para as devanditas clases, destinadas a estranxeiros e cidadáns doutras partes do Estado que desexen aprender a lingua.
Igualmente, explicou que o desenvolvemento de proxectos culturais foi posto en marcha xunto coa Real Academia Galega da Lingua, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Universidade da Coruña ou con institucións privadas, como a Fundación Camilo José Cela.
Entre as actividades “de gran formato”, resaltou o coloquio internacional sobre Galicia –en Lyon (Francia), en novembro de 2005–, a promoción de curtametraxes en galego ou a Semana das letras galegas en Lisboa en 2006. n