Marcos Calveiro, pola novela Festina Lente, e Chus Pato, por Hordas de escritura, gañaron onte o Premio da Crítica en lingua galega nas modalidades de narrativa e poesía, respectivamente. O primeiro é coñecido no país polas súas obras infantís. O carteiro de Karrada, galardoada co XVIII Premio Ala Delta, é probablemente unha das súas creacións máis aclamadas.
En Festina Lente, pásase á novela histórica dende unha perspectiva crítica, alonxándose dos parámetros habituais destas obras, que terminan por ser normalmente best-sellers sen calidade literaria. O autor sitúa a acción en Santiago de Compostela de 1627 e conta as vida do encadernador Ambrosio Cavaleiro, personaxe que lle sirve para facer unha refleción sobre a literatura nos tempos escuros do Medievo.
Hordas de escritura é o noveno poemario publicado pola xa mítica autora ourensá Chus Pato. Na súa literatura comprometida, combina o seu marxismo e galeguismo con constantes referencias aos mitos greco-latinos.
As outras categorías
En castelán, gañaron o cineasta e escritor David Trueba, pola súa novela Saber perder, e o poeta Eduardo García, por La nueva vida, en narrativa e poesía, respectivamente.
En lingua catalá, dous valenciáns lograron este premio. En narrativa, Joan Francesc Mira, por El professor d’historia; e en poesía Teresa Pascual, por Rebel·leou de la sal. O triunfador na modalidade de narrativa en lingua vasca foi Kirmen Uribe, coa súa obra Bilbao-New York-Bilbao, e en poesía, Xabier Lete, por Egunsentiaren esku izoztuak (As xeadas mans do amencer).
Este premio, que se fallou no Palacio da Magdalena de Santander, concédeo cada ano a Asociación Española de Críticos literarios e está considerado un dos galardóns literarios máis prestixiosos en España.
Pouco despois de coñecer que era o gañador, Trueba (Madrid, 1969) mostrouse “moi contento” con este galardón porque o dá “a crítica especializada en Literatura, e un case nin os coñece” e, ademais, “porque pode supor que se vence unha reticencia sobre unha persoa que tamén fai películas de cando en vez”.
O cineasta e escritor cre que, na vida, un debe “investir no pracer, a cultura e a amizade”, se se quere “atopar algo ao final do camiño”. “O que un necesita na vida é sentirse pleno a calquera idade”, afirmou.
Pola súa banda, Eduardo García dixo sobre o galardón: “é unha das cousas fermosas que me puido regalar a vida” e mostrouse emocionado e “en estado de shock absoluto” logo de saberse gañador do premio.
Un xurado amplo
O presidente do xurado, Miguel García-Posada, asegurou que o fallo non responde a “impulsos ocasionais”, senón a meses de análise por parte de máis de 50 expertos en literatura, entre eles Carlos Galán, Santos Alonso, Ángel Basanta, Juan Carlos Peinado, José Enrique Martínez, Julia Uceda, Juana Vázquez, Balbina Prior e Javier Goñi, Jon Kortazar, Olivia Rodríguez, Alex Broch ou José Luis Martín Nogales.
Da novela Saber perder, de Trueba, o xurado destacou a calidade na construción dos seus personaxes e como con esta obra o cineasta demostrou que se pode facer “realismo literario”. O presidente do xurado e da Asociación Española de Críticos Literarios afirmou que Trueba recorda coa súa novela a La colmena de Camilo José Cela. “Transcéndea”, afirmou.
La vida nueva, de Eduardo García, é un poemario “potente, vigoroso” e propio do premio da Crítica Literaria en modalidade de poesía, dixo García-Posada, que definiu esta obra como unha conciliación entre certas modalidades expresivas da poesía da experiencia.
De Rebel·leou do sal, de Teresa Pascual, salientaron o seu punto de vista “militantemente feminista”. De Xavier Lete, a súa “mirada estática” sobre a ausencia e a morte. Tamén destacaron a calidade das obras galegas premiadas.

