Xusto na semana que se celebra o Día do Libro, dúas novas iniciativas súmanse ás Bibliotecas Virtuais xa existentes. A Unesco vén de colgar na Internet unha Biblioteca Dixital Mundial que permite acceder a un vasto arquivo de documentos. A ferramenta, multilingüe, provén dos EUA, onde en 2005 o bibliotecario James H. Billington propuxera o portal.
Na dirección castelá, www.wdl.org/es, pódense descargar xa 1170 artigos de todas as áreas do coñecemento, ordenados xeograficamente. Algo parecido, nunha fase moito máis avanzada, propón Europeana, o portal europeo que recolle material das grandes bibliotecas do continente. O Rijksmuseum de Ámsterdam, a British Library de Londres ou o Louvre de París participan neste proxecto, máis enciclopédico que bibliotecario, que pretende ter dez millóns de obxectos dixitalizados para o ano que vén. Ningún en galego.
Apoiar a lingua
Xulián Maure, responsable da Asociación de Tradutores Galegos (ATG), ve nisto un problema. “En dez anos, todas as bibliotecas van ser virtuais”, opina, polo que cre que hai que fomentar o uso da lingua nos novos formatos para “non estar condenados ao castelán”.
A organización á que pertence si que ten nas súas mans un austero, pero verdadeiro, proxecto de biblioteca. Cun catálogo que conta cuns 150 títulos, principalmente de autores do século XIX, bivir.com permite descargar todas estas obras en galego, en formato pdf para ver no ordenador ou nun portatextos, termo romance que usan na asociación para se referir ao máis coñecido e-book, anglosaxón.
Debido á época na que foron publicados os textos, non hai problemas legais coas traducións, pois os orixinais están libres de dereitos. Nalgúns casos, logran ter á súa disposición obras máis modernas, como O carteiro de Neruda, de Antonio Skármeta, unha das últimas subidas, traducida por X. M. Rivas.
Maure cre que, fóra do argumento da lingua, o valor que ten o portal é que “permite atopar obras que só están traducidas ao castelán dende o orixinal”. É o caso de O destino, do premio Nobel polaco Wladysaw St. Reymont, tamén incluída recentemente. O formato dixital garda, ademais, moitas das vantaxes das edicións en papel. “Pódese subliñar, tomar notas ou agrandar o corpo da letra”, recorda Maure.
Buscador todo en un
O mesmo permite Pórtico, un metabuscador posto en marcha por Bugalicia, o Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia, tamén esta semana. Concibido principalmente para os investigadores, pero aberto a toda a comunidade universitaria, o innovador portal funciona como unha sorte de todo en un.
Os seus servizos inclúen a consulta do catálogo (co acceso a máis de 4.000 libros dixitalizados, 10.500 actas electrónicas e 20.500 revistas), a petición de exemplares, a inclusión de citas e a posibilidade de crear unha bibliografía virtual, moito máis manexable que a súa homóloga en papel.
Curiosamente, o esforzo realizado por comprar eses 4.000 libros electrónicos semella non estar a dar moitos resultados polo momento. “Mentres que as revistas seguen a ser o primeiro material de consulta científica, os libros obtiveron 1.900 accesos o ano pasado”. Son palabras de Victoria Millor, directora técnica de Bugalicia, que cre que o papel aínda pesa moito nos documentos “tipo manual”, de referencia en todas as carreiras universitarias.
As editoriais galegas parecen ser da mesma opinión. A única con presuposto e ganas para dixitalizar os seus fondos é Galaxia, que hai algo máis de dous meses presentou o seu catálogo dixital en Google books, con 2.000 exemplares do seu fondo histórico subidos e 1.000 do vivo. Víctor Freixanes, o director da empresa, explicaba nesa presentación que isto supón “un compromiso co país, para avanzar na modernización da lingua”.
Porén, o escritor galego non considera que a introdución imparable do libro electrónico, que outros vaticinan, estea tan cerca. O mesmo opinaban a maioría das editoriais consultadas por Xornal de Galicia naquel momento. O futuro parece claro, pero non ten data.
Alternativas a un San Jordi tradicional
As campañas de bookcrossing, ou de liberación de libros na súa versión galega, levan sendo comúns varios anos. Hoxe, varios museos de arte contemporánea de España planifican actividades deste estilo. En Galicia, son tres os que participan no programa.
O CGAC de Santiago de Compostela soltará diversos volumes sobre as diferentes disciplinas artísticas procedentes da bolsa de duplicados da biblioteca do museo.
Na mesma cidade, a Fundación Eugenio-Granell engadirá algúns dos seus libros. Pola súa banda, o Marco de Vigo deixará obras nas súas escaleiras como parte das actividades, ademais de incluír nos espallados pola cidade un gracioso sistema de adhesivos.
Os stands das feiras galegas venderán exemplares de segunda man, máis económicos.

