Stücke, pezas. Ladung, carga. As palabras como pezas do discurso. As persoas como pezas do sistema, cando non como unha carga da que se pode prescindir. Optimizar recursos, despedir empregados: a linguaxe como trampa, falar en positivo do que para moitos será negativo. Desa trampa trata A cuestión humana (2007), un arriscado filme de Nicolas Klotz que se atreve a falar das palabras a través das imaxes.
A cuestión humana adapta ao cinema unha novela de François Emmanuel que á súa vez partía dun documento escrito por uns enxeñeiros berlineses en 1942. Aquel era un texto técnico, pouco máis ca unhas sinxelas instrucciónspara desenvolver unha acción mecánica: falaba de pezas, de carga, de peso. Alta literatura nazi que se salvou da queima: aquilo que só nomeaba como pezas eran en realidade persoas, xudeus, en pleno tránsito cara o alén. Aquel texto técnico ensinaba como asasinalos.
François Emmanuel atopou naquelas liñas un argumento co que denunciar as modernas prácticas coas que as grandes corporacións tratan aos seus empregados: como pezas, como carga. Unha fachada lingüística para humanizar a explotación. As dinámicas do capitalismo como cicatrices dun nazismo cotiá, enquistado no máis fondo.
A partir deste material, a tarefa de Nicolas Klotz e da súa guionista Élisabeth Perceval resulta abraiante. As imaxes de A cuestión humana retratan con frialdade ese mundo empresarial de despachos impolutos, raves corporativas e ambicións desaforadas. Ese é o mundo ao que pertence Simon, o psicólogo dunha industria petroquímica que non pode parar de triunfar. O seu meirande éxito: sinalar os criterios que lle permitiron á súa empresa mellorar a productividade, “optimizando recursos”, por suposto.
A primeira hora do filme mergulla ao personaxe (e con el, ao espectador) nunha bretemosa intriga de espionaxe interna na que, de súpeto, a conciencia da linguaxe fai estoupar a trama. Stücke, pezas. Os informes de Simon aseméllanse demasiado aos dos enxeñeiros berlineses: tamén el oculta por sistema o suxeito do que está a falar, os traballadores que a empresa vai botar á rúa.
Son moitas as imaxes inquietantes coas que Klotz ilustra este proceso. Unha delas repítese cunha teima perversa: chemineas industriais botando espirais de fume á atmósfera. Klotz xoga coa súa polisemia: a imaxe é o que é, unha pequena pausa na ficción, mais sobre todo é o que evoca. Ese é o grande achado de A cuestión humana, unha delicada caligrafía visual capaz de asomarse ao abismo do que non se pode representar, só suxerir.
Noutra escena clave, a anguria da toma de conciencia prende na cabeza de Simon precisamente cando está nos brazos da súa moza. Instinto de vida, instinto de morte. A prosa dos enxeñeiros berlineses arrédao dela. Esa noite Simon non durmirá abrazado a unha pel quente, senón que ficará fumando ansioso no chan do seu despacho. Outra imaxe poderosa para ver o intre xusto no que o personaxe aprende a ver. As palabras do pasado ecoando no presente, as imaxes do presente pensando as palabras do pasado.

