Laura Sáez conta que Patasdepeixe é unha idea que lle levaba roldando a cabeza, a ela e algúns amigos máis, dende hai varios anos. Pero non foi ata que atoparon unha xoia chamada O incrible neno devorador de libros, de Oliver Jeffers, que se lanzaron a sacar adiante a editorial. Cun carácter máis de asociación que de empresa, presentan este mércores no Pub Ultramarinos de Santiago de Compostela a tradución ao galego deste magnífico álbum ilustrado do autor irlandés, que xa acadou varios premios de literatura infantil.
Por que se decidiron polo libro de Oliver Jeffers para a súa saída ao mercado?
Nunha das miñas visitas a Inglaterra, topei co libro case por casualidade nunha libraría. Podería ter sido calquera outro, pero foi este e gustounos. Pareceume impresionante. Ten unhas ilustracións incribles. El utiliza materiais vellos, pinta sobre eles, escanéaos, e o resultado é moi bonito e atractivo. No Reino Unido, teñen unha cultura do libro infantil moi distinta á de aquí, con edicións moi coidadas. O tema das bibliotecas, dos clubs de cultura, está moi vivo.
A súa edición, é moi distinta á de Harper Collins (editorial británica)?
Son eles os que teñen os dereitos, así que a marxe de creatividade foi moi limitada. Puxémonos en contacto con Harper Collins e, sen darnos de conta, xa estaba todo en marcha. Pero trátase dunha co-edición con outras linguas. O libro produciuse en China, e non tiñamos moitas posibilidades de cambiar a edición.
Porén, o resultado é espectacular. Vai moito na liña do que fai Kalandraka.
Kalandraka e Oqo marcaron un antes e un despois no álbum ilustrado en Galicia. Foron os pioneiros. A nosa editorial responde a este concepto, o que pasa é que non temos unha liña definida. Facemos o que nos gusta.
A súa metodoloxía de produción, cal é exactamente?
Somos todos tradutores ou ilustradores, con outros traballos, e isto é para nós un pouco como un hobby. Patasdepeixe é unha empresa aínda por definir. Eu penso que cada proxecto vai requirir xente con habilidades diferentes. Por exemplo, para este libro, tivemos que traballar un maquetador (Antón Suárez), un ilustrador (Óscar Villán), outros dous rapaces, Marcelino e Diego, tamén maquetadores, e eu, que fixen a tradución. No próximo, estamos Marcelino e máis eu e o que veña.
Isto todo, sen subvención algunha...
Que va! Isto sae todo do noso peto. Tomámonolo como unha afección, como outro mete os cartos noutra cousa. Non reparamos en gastos para facer o que nos gusta. Eu veño de estar en Arizona e alí hai uns cactos que poden estar cinco anos secos e, de súpeto, sacan unhas flores preciosas. Gústame compararnos con eles, porque nós poñémonos a traballar cando nos peta, cando algo nos gusta.
E, por curiosidade, canto lles custou este capricho editorial?
Uns 7.000 euros. Se todo sae ben, e vendemos todos os exemplares, recuperaremos uns 5.000, pero a iso aínda lle hai que sumar os gastos de promoción, como o desprazamento a Compostela para presentar o libro.
Hai déficit económico, pero non creativo, parece. Comentaba antes que xa teñen outro proxecto en mente.
Si. Ímonos meter moi seriamente co tema dos extraterrestres. Hai un autor bretón, Benoît Jacques, que fai tamén as ilustracións e a historia, e ten uns libros moi simpáticos, con relatos cómicos. Os debuxos son mínimos de todo, unhas figuras en branco e negro alucinantes, indescritibles. Está moito na nosa liña, porque é un grande defensor das pequenas librarías e non quere vender en grandes superficies.
A edición da obra desta volta, está a ser máis libre que coa de Jeffers?
O libro é pequeniño e cadrado. O formato vaise parecer máis a un ladrillo que a un libro. A ver se lle podemos poñer unhas pastas de tea. Non vai ser un álbum ilustrado, senón un libro en dúas tintas, aínda que neste caso puidemos engadir tapas duras e a cor. Temos unha liberdade total, sempre que o autor autorice os cambios.

