Feijóo converteu o galego nun problema cando non o era para sacar tallada política. Agora, o invento vólveselle na súa contra. Aínda que apura os contactos para darlle solución esta mesma semana, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas, a Secretaría Xeral de Política Lingüística estáselle atravesando cadora máis e, o que é peor, ten dividido ao partido. Mentres o conselleiro de Educación, de quen vai depender este departamento, aposta por alguén dentro da órbita do PP que execute até as últimas consecuencias a promesa de Feijóo –derrogar o decreto da lingua e acabar de vez co modelo vixente–, o deputado Pedro Puy asesora a Feijóo na busca dun profesional de prestixio, capaz de concitar un amplo consenso e de achar, de paso, a cuadratura do círculo: coidar o galego sen decepcionar ao electorado máis radical do PP.
No tirapuxa, o presidente da Xunta está arrodeado. Pasada a campaña, sabe que a cuestión da lingua é sensíbel abondo, que paga a pena tomala en serio, e por iso está a levar persoalmente o tema no medio dun fogo cruzado. Dunha banda, os informes e as presións de Galicia Bilingüe, que demanda unha recompensa polos servizos prestados nos meses inmediatamente anteriores ás eleccións, e con quen o titular de Educación, Jesús Vázquez, mantén unha certa sintonía. Da outra, o círculo de inspectores educativos de Lugo próximos ao ex conselleiro –e inspector– Celso Currás e ao que fora, durante o seu mandato, director xeral de Política Lingüística, Xesús Pablo González Moreiras. Por último, dende Ourense, o líder provincial do partido, Xosé Luís Baltar, mestre de profesión, presiona para que se aposte por algún docente do seu contorno, caso de Felipe Ferreiro, que fora delegado da Cultura e Educación en Ourense.
Á parte de Ferreiro e o propio González Moreiras, Feijóo consultou tamén a Mauro Fernández Rodríguez, catedrático da Universidade da Coruña, quen non parece disposto a asumir este cargo, como a maioría dos profesionais con certa relevancia no mundo académico, sen un duplo compromiso por parte do presidente da Xunta: marxe para traballar na dinamización da lingua e unha saída de consenso –cando menos cosmética– á encrucillada na que o PP se meteu en nome dunha pretendida “liberdade lingüística”.
Nesa liña, máis ou menos reticente a aplicar de xeito mimético a promesa electoral de Núñez Feijóo, está tamén Anxo Lorenzo, profesor de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo e outro dos profesionais de prestixio que podería convocar consensos mesmo en áreas da sociedade moi afastadas do Partido Popular. De momento, aínda que foi consultado, non recibiu ningunha oferta en firme. No círculo máis achegado ao presidente esperan que hoxe se produza unha reunión importante, talvez decisiva, de cara á resolución deste problema, e Lorenzo é un dos candidatos a sentar do outro lado da mesa. Con todo, non é o único.
Entre a USC e o Ramón Piñeiro
Entre as opcións que agora mesmo manexa Núñez Feijóo hai outras dúas profesoras máis: Mercedes Brea, catedrática de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago, e unha colega do seu departamento, Elvira Fidalgo, a quen o reitor Senén Barro, no marco da última reestruturación do seu goberno, vén de converter en vicerreitora de Cultura en substitución do profesor Elías Torres. Por último, noutra das vías ensaiadas polo presidente, a búsqueda dun perfil máis técnico que poida rebaixar a tensión política xerada arredor deste nomeamento, barállase o nome de Rosa María Martín Biedma, funcionaria do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Na súa contra, porén, xoga o feito de que fora nomeada xefa de servizo durante o último mandato de Fraga, o que choca coa vontade de rachar co pasado expresada por Feijóo.
Nun escenario tan polarizado dentro do PP, as necesidades inmediatas do presidente –urxencia, fidelidade co seu electorado– chocan co que se lle demanda dende os sectores máis ligados á lingua: tranquilidade na toma de decisións, tempo para atopar as mellores fórmulas e as persoas máis capacitadas e consenso nun asunto, o do modelo lingüístico, tan delicado como central no proceso de construción autonómica. Neste sentido, o papel do deputado Pedro Puy, home de confianza de Feijóo, é visto como unha garantía de moderación.
Aínda que hoxe se tome unha decisión definitiva, os tempos administrativos impedirían que o nomeamento fose ratificado no Consello da Xunta deste xoves, pero nada privaría ao presidente de facer público o nome da persoa elixida nunha semana con tanto peso simbólico coma esta, na que se celebra o Día das Letras Galegas. É o golpe de efecto que busca o líder do PP, sabedor tamén de que o do domingo será un 17 de maio atípico, con varias manifestacións convocadas en Santiago en favor da lingua e contra a derrogación do decreto do galego no ensino anunciada por Feijóo.
Amais das tensións políticas que está a provocar no partido, a demora no nomeamento no novo ou nova responsábel de Política Lingüística é consecuencia das reservas políticas, ideolóxicas, profesionais e mesmo legais que a ansiada derrogación do decreto esperta entre os profesionais da lingua. O mesmo que aconteceu coa circular que daba liberdade aos profesores para empregar indistintamente galego e castelán nas aulas, que finalmente non foi enviada aos centros porque podía violar a lexislación vixente, todo apunta a que Feijóo está a revisar a súa promesa electoral. Unha cousa é facer campaña e outra, moi distinta, gobernar.

