Investigadores do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste da Universidade de Santiago (USC) recollen nun estudo que o depósito da Cova de Eirós, en Triacastela (Lugo), revela a primeira presenza de humanos modernos en Galicia.
Segundo indicaron, o depósito conserva a única secuencia do noroeste onde se pode estudar a transición entre os últimos neandertais e os primeiros humanos modernos, achegando grande información sobre os seus modos de vida, estratexias de caza e subsistencia destas dúas especies de homínido.
Os investigadores deste grupo da USC traballan na escavación deste cova xunto cun equipo do Institut Catalá de Paleoecología Humana i Evolució Social de Tarragona (Iphes). Destacaron que os traballos desenvolvidos revelan a importancia deste depósito para o estudio dos modos de vida dos neandertales no Paleolítico medio.
A industria lítica e as novas datacións realizadas nun nivel superior da cova indican a existencia dunha ocupación humana que se remonta a hai uns 30.000 anos, xa nos inicios do Paleolítico Superior. Este mesmo nivel da cova se relaciona co Auriñaciense, período no que os primeiros humanos modernos chegan ao continente europeo.
A datación da Cova Eirós axudará, segundo precisaron os investigadores á axencia Efe, a completar a secuencia do Paleolítico Superior en Galicia. Estes depósitos en covas ofreceron “grande información” sobre os modos de vida dos humanos modernos, tanto no referente ás súas estratexias de caza, coma a modos de fabricación de ferramentas.
Segundo manifestaron os investigadores desta escavación, á fronte da que se atopa o profesor Ramón Fàbregas, existen grandes expectativas fronte ás próximas intervencións, “así como polos resultados que proporcionará a realización dun programa de datacións cunha técnica, a OSL, que pode ofrecer o marco cronolóxico das ocupacións paleolíticas nas covas de Galicia e dos depósitos ao aire libre da Depresión de Monforte de Lemos”.
