Así, a organización iniciou unha campaña informativa nos centros de ensino, co fin de coñecer “o verdadeiro alcance” da circular enviada polo departamento que dirixe Jesús Vázquez sobre os criterios que deben rexer nos agrupamentos do alumnado para o próximo curso.
Neste sentido, considerou que o comunicado de Vázquez apunta cara á creación “dun único grupo” para todo o alumnado dun ciclo “cando o número non sexa superior a 20”, apostilou. A medida afecta tanto a infantil como a primaria, así como a distintos ciclos cando o total non supere os 15 alumnos.
De aplicarse esta medida, o sindicato denunciou que “desaparecerían 60 unidades só na provincia de Lugo”, tras o que extrapolou estes a datos a toda a Comunidade e cifrou en 200 a supresión de prazas.
INFLUENCIA NO RURAL
Entre outras consecuencias, criticou a “especial” incidencia desta redución de unidades no rural, polo que asegurou que “Lugo e Ourense serían os territorios máis afectados”. Así mesmo, censurou “a redución do profesorado”, que repercutirá nunha “diminución” da calidade na educación, ao aumentar o número de estudantes por profesor.
Por iso, o STEG fixo un “chamamento” toda a comunidade educativa “para que se opoña a esta medida” que cualificou de “economicista” e “contraria á calidade” do ensino público. Así mesmo, avanzou que o luns celebrarán distintas reunións con responsables da inspección educativa. Finalmente, informou de que na mesa sectorial do martes o sindicato demandará a retirada a circular e lembrará á Xunta a “obriga legal de negociar” calquera actuación que afecte á calidade e ás condicións sociolaborais dos profesores.
