Cannes: unha vila da Costa Azul. Cannes: o festival, o mercado, o lugar onde todo se decide. A Palma de Ouro: o premio, a escusa. Cannes 2009: unha xuntanza de amigos. Isabelle Huppert decidindo dende o xurado se vai premiar o último de Michael Haneke, ou de Lars von Trier, ou de Quentin Tarantino, ou de Tsai Ming-liang, ou de Pedro Almodóvar. Moitos grandes nomes, e entre eles, un octoxenario que leva décadas renovando o cinema: Alain Resnais.
A poucos días de cumprir os 87 anos, Resnais deixouse ver en Cannes para presentar o seu último filme, Les Herbes Folles, unha comedia protagonizada por André Dussollier, Sabine Azéma e Mathieu Amalric que compite na sección oficial. A acollida foi cálida sen chegar á euforia. Mañá saberemos se entrará no palmarés, mais iso é o de menos. O importante é que dende esta semana xa hai un novo filme de Alain Resnais en circulación. A súa décimo oitava longamentraxe.
Hai medio século, Resnais estivo a piques de viaxar a Cannes. Hiroshima mon amour ía participar na sección oficial, mais no último momento a dirección do festival decidiu retirala. A lenda di que por medo a anoxar aos estadounidenses... Era o ano 1959. Era a primeira ficción que falaba da bomba atómica. Era un filme que ía mudar o cinema, xa dende aquela primeira proxección fóra de concurso.
50 anos de Hiroshima
Tu n’as rien vu à Hiroshima... Rien! Ninguén puido ver nada en Hiroshima o 6 de agosto de 1945. Ningunha das imaxes que se rodaron despois puideron testemuñar a súa verdadeira destrución. Iso sabíao Resnais: antes de comezar a rodar pasou días vendo horas e horas de documentais sobre os bombardeos, até decatarse de que xa non ficaba ren que representar. O horror xa fora filmado, ao pé mesmo da catástrofe. E igual os produtores querían un novo filme...
Resnais xuntouse daquela coa escritora Marguerite Duras e puxéronse de acordo en preparar unha historia á marxe da bomba atómica. Sería unha historia de amor. As súas primeiras imaxes son os corpos enlazados de dous amantes. El é xaponés. Ela francesa. Están en Hiroshima: os planos dos seus corpos mestúranse coas imaxes dos días despois da catástrofe. Tu n’as rien vu a Hiroshima... Rien! Aquelas imaxes, aquelas palabras, estaban inventando un dos grandes achados do cinema moderno: a capacidade de ver, de sentir, aquilo que non existe, aquilo que xa non se pode representar. O amor para falar do horror.
Filmar a imaxinación
Dous anos despois de Hiroshima mon amour, en 1961, Resnais gañaba o León de Ouro de Venecia cun filme hipnótico: O ano pasado en Marienbad. Dous extraños se cruzan continuamente nun hotel e el afirma coñecela a ela, sen que ela concorde. O relato non é lineal. O espectador pérdese. Que é real? Que é soñado? Que está pasando? Nunha entrevista, Resnais resolve o debate: para el, a imaxinación, tamén forma parte do real, logo, todo o que ocorre nese filme é real, aínda que sexa imaxinado...
Dende aquela Resnais é o cineasta que mellor sabe filmar a imaxinación. Os seus filmes introdúcennos no labirinto mental dos personaxes, sexan antigos torturadores en Alxeria (Muriel, 1963), comunistas españois no exilio (A guerra rematou, 1966), novelistas moribundos (Providence, 1977) ou ratas de laboratorio con corpo humano (Meu tío de América, 1980). Cos anos, Resnais foi levando a fantasía ao argumento, e nas últimas décadas dánselle mellor os musicais bizarros (On connaît la chanson, 1997) ou as comedias tristes (Coeurs, 2006). O ton suavízase, mais a creatividade non recúa.
Antes de todo isto houbo tamén un Resnais curtametraxista. Así aprendeu o oficio: foron quince anos rodando curtas sobre pintura (Van Gogh, 1947; Gauguin, 1950; Guernica, 1950), sobre produtos industriais (Le chant du styrene, 1958) ou sobre esa biblioteca de babel que é a biblioteca nacional francesa (Toute la mémoire du monde, 1955). Curtas, estas cinco, que dende hai unhas semanas xa están dispoñíbeis en DVD no mercado estatal. Títulos antigos dun cinema sempre novo. Resnais en curto, Resnais en longo, sempre Resnais, por favor!

