A auga no país da auga

A zona máis calorosa de toda Galicia é tamén a máis rica en mananciais. Dende hai máis dun século, a comarca ourensá de Monterrei é un dos principais produtores de auga envasada, con botellas en estantes de todo o mundo
Marcos Sueiro Actualizado 05/07/2009 - 17:32 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 3 voto/s

No interior de Ourense brotan os mananciais. Na zona máis calorosa e no único sitio onde Galicia non tropeza co mar as entrañas da terra guindan auga cando un escarva. En Monterrei a relación co líquido elemento tórnase especial e o sol non seca os mananciais que a natureza agasallou de maneira inesgotable. Xa cumpren máis dun século as augas que sacian a sede de quen precisa beber, e curan as feridas dos doentes, que se achegan practicar o ritual.


As fontes, os acuíferos, as bolsas situadas baixo a terra expándense pola superficie dun val chairego e o que parece instalado de xeito natural adquire valor engadido nos últimos anos. A comarca de Monterrei, co concello de Verín á cabeza, é hoxe un dos principais produtores de auga envasada, comparable a países como Suíza e as súas botellas pódense ver en estantes de medio mundo.


As orixes remóntanse a mediados do século XIX pero é a comezos do XX cando adquiren a súa verdadeira dimensión. Xorden as primitivas explotacións, os incipientes balnearios, os primeiros auguistas que se converten nos propagandistas dun fenómeno que aínda perdura hoxe.


En Verín atópanse as meirandes empresas de auga de toda España e segue a recibir auguistas que se refrescan no líquido máis puro. O fenómeno adquire unha importante e nova dimensión porque como din os responsables das augas “a auga está de moda e o que empezou a decaer volve facerse un espazo nos hábitos saudables”.


A comarca de Monterrei conta na actualidade con distintos mananciais que explotan Cabreiroá, Fontenova e Sousas. As compañías consideran estratéxicas estas posicións e hai movementos para recuperar acuíferos abandonados e abrir novos mercados.


Sousas celebra este ano o seu 150 aniversario e, cunha produción que alcanza as 15.000 botellas de litro e medio á hora, continúa a súa vocación de expansión en mercados internacionais. En situación parecida atópase Cabreiroá que vén de celebrar o seu centenario no 2006 e é a que conta cunha maior produción e un maior número de empregados. Pola contra, Fontenova afronta unha pausa e, lonxe de desaparecer, busca reorientar o seu negocio e converterse nunha referencia da auga con gas.


Os datos estatísticos son reveladores da forza das empresas e da súa importancia no tecido económico e empresarial de Ourense. Ademais da propia produción e das boas condicións naturais do produto a localización dos mananciais configuran cun particular aspecto a Verín e ó resto da bisbarra. Se ó longo dos anos foron un reclamo para a visita de moitos e distintos turistas, hoxe continúan a ser espazos cáseque idílicos e mostra da boa relación entre empresas e desenvolvemento sustentable.


Os mananciais localízanse en sitios coidados e rodeados, nalgún caso, de natureza exuberante e controlada. O máis rechamante é o de Cabreiroá, que se alza nunha finca de 72.000 metros cadrados con 2.000 exemplares de distintas árbores e arbustos de 72 especies. No recinto atópase o antigo balneario, a factoría e o Quiosco, un fornelo que protexe a burbulla central do manancial. Trátase dunha edificación modernista de principios do século XX. A escritora Carmen Martín Gaite dicía nunha das súas novelas: “Ao balneario entrábase por un paseo de castaños de indias, bordeado de hortensias e buxo, paralelo ao río, que quedaba á esquerda”.
Sousas, integrada no casco urbano, tamén conserva o quiosco onde se achega a veciñanza dende o 15 de xuño ao 15 de setembro para tomar as augas e curar as súas doenzas.

 
Os auguistas tamén se achegaban ata Vilaza, cando aínda existía, pero agora só queda auga derramándose e indo cara o río porque o edificio está en ruínas en busca de quen o levante.


Outro dos abandonados é o de Caldeliñas. Pertence ao concello verinense aínda que deixou de funcionar no ano 1960. O manancial segue a guindar a auga a 24 graos de temperatura. Os veciños do contorno observan con pena o edificio en ruínas e de xeito nostálxico lembran a cantidade de xente que non fai tantos anos ía “tomar as augas”.


As augas de Verín son todas da fractura Corga da terra e son as máis fluoradas da península. A comarca de Monterrei conta con seis mananciais repartidos nunha superficie de 93,4 quilómetros cadrados o que a converte na zona máis prolífera en augas de orixe natural de toda a Península Ibérica.

Os auguistas 
Lonxe quedan as imaxes de bañistas coas súas vestiduras suntuosas e decimonónicas que se achegaban tomar as augas e se hospedaban nos hoteis modernistas. En Verín xa non hai balnearios pero segue a haber auguistas. Ao longo de todo o día é frecuente ver achegarse a homes e mulleres con garrafas para recoller auga e levala para casa, para lavar as feridas, mollar as pernas ou refrescar a cara.


Un dos lugares que maior interese concita é a Fonte do Sapo. Trátase dunha fonte da que, de xeito ininterrompido, brota auga sulfurada cun cheiro forte e característico, como a ovos podres. Alí congréganse persoas vidas de distintos puntos. Marisa, por exemplo, vai lavar os seus eccemas varios días á semana. “A auga non a bebo”, recoñece. 
“Son da Coruña –di como excusa para non tragala– e non de Verín, pero os meus fillos si porque xa son de aquí”.


Natalia, unha rapaza nova, fai o exercicio de vir paseando dende o centro da vila. Recolle a auga nunha botella para beber despois na casa e tamén lava o rostro “porque deixa o cute coma o cristal”. Este efecto, aclara outro usuario, “é por causa da seca do sulfuro na pel pero para que se note hai que vir todos os días”.


As indicacións e contraindicacións non son froito da imaxinería popular e están ben documentadas. Aínda se conservan as análises dirixidas por Santiago Ramón y Cajal coas propiedades e os beneficios. Neste caso, os contos non son contos.


Os cidadáns reclaman das administracións actuacións urxentes para seguir a potenciar este recurso natural, tan importante na zona. A secretaria xeral de Turismo, Carme Pardo, asegura que non se poden desperdiciar as oportunidades que xera o ter en Galicia unha auténtica cidade da auga. Neste sentido, ten intención de dinamizar o sector ata convertelo nun elemento dinamizador máis do turismo de interior.

Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad

Título:
Comentario:
Nombre:
Email: (no se visualizará)
Introduce la palabra de la imagen
Código de verificación para prevenir envíos automáticos.
kaptcha
Identificarse con:
  

Esta página publica todo tipo de opiniones, réplicas y sugerencias de interés general, siempre que sean respetuosas hacia las personas e intituciones.
Se aconseja un máximo de 15 líneas, que podrán ser extractadas por nuestra Redacción.
Los autores deben hacer constar: nombre y apellidos, y e-mail.
Aquellos textos que no se ajusten a estos criterios podrán ser retirados de la web.