A comisión de goberno da fundación, que é encargada de designar anualmente a persoa á que se lle dedica o premio, logo de recabar opinións do conxunto do Padroado, valorou a traxectoria vital de Xosé Manuel Beiras. Salientou a súa "vida entregada xenerosamente a Galicia", ademais de destacar a súa dimensión intelectual, cívica e de pensamento.
O Trasalba, que ten carácter honorífico, entregarase, como todos os anos, na festa literaria que se celebra o derradeiro domingo de xuño, na casa Grande de Cimadevila, en Trasalba, no concello ourensán de Amoeiro. Consiste nun debuxo enmarcado de Isaac Díaz Pardo, unha placa e un Libro dos Amigos, conmemorativo do acto, no que se lembrará de forma especial a memoria de Ramón Otero Pedrayo.
O encargado de realizar a laudatio do homenaxeado será, nesta ocasión, o presidente da Real Academia Galega e presidente de honra da Fundación Otero Pedrayo, Xosé Ramón Barreiro.
O premio, anual e de carácter honorífico, recompensa a labor intelectual e galeguista dalgunha figura. Entre outros, recibírono Milladoiro, Xosé Neira Vilas, Isaac Díaz Pardo, Xosé Luis Méndez Ferrín ou Francisco Fernández del Riego.

