A Lei da Función Pública reformarase “en breve”, a pesar do rexeitamento das grandes centrais sindicais de Galicia, coa excepción de CSIF, segundo informaron onte fontes da Consellería de Facenda. A modificación do artigo 35 da actual norma fará que, desde a súa entrada en vigor, os opositores poidan elixir a lingua na que realizar os seus exames, co que se elima a obriga de que, cando menos, unha proba se realíce en galego para acreditar o seu coñecemento.
Onte, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, reiterou a súa intención de modificar a norma, aínda que especificou que aos opositores “se lles pedirá que acrediten un nivel de coñecemento do idioma”.
Foi no marco dunha entrevista radiofónica, cando Feijóo informou da súa pretensión, que ten como obxectivo “a volta á normalidade en temas lingüísticos, que é o contrario á imposición”. Segundo o dirixente galego é necesario acadar “un bilingüismo cordial e amable”.
Con este plantexamento, a Dirección Xeral de Función Pública, organismo dependente de Facenda, “ultima” a reforma da normativa, a pesares de que só un sindicato, o CSIF, é o que se posicionou de acordo cunha reforma da lei.
De feito, a proposta dada a coñecer por este sindicato onte garda similutudes coa proposta da Administración galega. Desde CSIF apóstase porque o acceso aos procesos selectivos se faga sen unha acreditación previa da competencia lingüística e porque na realización dos exames, o opositor teña liberdade para elixir a lingua (castelán ou galego) no que redactar a proba. Sería posteriormente cando a Administración actuase impartindo un “curso obrigatorio de capacitación lingüística”, para todos aqueles opositores que, segundo CSIF, “tendo superado o proceso, non acrediten a súa competencia lingüística a través do correspondente curso ou certificado”.
A Dirección Xeral da Función Pública propón que os opositores sexan os que decidan o idioma no que ser examinados. Non obstante, o Executivo pretende que si exista un exame en galego para “aquelas prazas que requiran un especial coñecemento da lingua galega”. Concretamente a Xunta propón que “nas probas selectivas que se realicen para o acceso ás prazas da Administración e nas entidades locais, se inclúa un exame de galego”, aínda que con excepcións, xa que segundo a proposta, poderían estar exentos “aqueles que acrediten o coñecemento da lingua galega conforme á normativa vixente”.
Mentres, os sindicatos CC.OO e UGT ratificaron o pasado luns o seu rexeitamento á proposta de reforma do Goberno galego no marco das reunións que mantiveron representantes dos sindicatos con membros do Executivo autonómico despois da fallida reunión da semana pasada. Pola súa banda, a CIG levará a cabo “diversas mobilizacións e concentracións” e convidará ao resto de sindicatos a participar nelas.
