Lois Pereiro (Monforte, 1958 - A Coruña, 1996) foi un poeta de vida e obra breves, pero dunha intensidade e unha fondura que marcaron ben forte o seu nome na historia da literatura galega. Dende 2006, dez anos despois do seu falecemento, reúne as condicións para ser o homenaxeado nun Día das Letras Galegas e adoita entrar sempre nas quinielas ao respecto, pero polo de agora a Real Academia Galega (RAG) resístese a poñer a foto do autor de Poesía última de amor e enfermidade nos carteis do 17 de maio.
"Recoñezámolo, non é un escritor moi do estilo da RAG", di Xosé Manuel Pereiro, decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e irmán de Lois. "É sempre o candidato novo e distinto, o que reivindica un sector que querería que as cousas fosen diferentes", engade.
Nótase en que, ao contrario do que ocorre con Uxío Novoneyra, non hai ningún grupo organizado para respaldar a Pereiro, aínda que o seu nome é dos máis mencionados cando se cando se debate o Día das Letras na internet.
O escritor Xabier Seoane, que foi compañeiro do monfortino no colectivo De amor e desamor, cre que foi "un poeta cunha voz moi orixinal, cunha visión violenta e desolada da vida, consciente da podremia do sistema, pero, ao tempo, cunha gran carga de humanismo"·
Segundo Seoane, a lírica de Pereiro entronca con autores centroeuropeos como Thomas Bernhard ou Peter Handke. Iso convérteo nun caso único na literatura galega, e nunha figura valorada polos novos escritores.
Diego Ameixeiras, gañador do Premio Xerais 2006 pola novela Tres segundos de memoria, destaca a grande cantidade de influencias que transmite o monfortino: "Grazas a el descubrín tanto a José Ángel Valente como a Lou Reed". Engade, así a todo, que non o ve como protagonista nun 17-M porque "a pesar de ser moi aprezado, é contrario a o que representa unha academia", dado o seu enfoque literario.
É o mesmo sentir que expresa Xosé Manuel Pereiro: "Lois non levou ningún premio en vida, así que sería raro velo agora gañando un Día das Letras Galegas".
Iago Martínez, redactor de Xornal de Galicia, e Álex Cancelo están a dirixir un documental sobre a figura de Lois Pereiro, titulado Contra a morte e que se estreará en setembro deste ano. Nel, répasase a vida dun autor “como de secta segreda”, segundo Martínez, ao que todo o mundo coñece pero ao que poucos leron.
Pereiro só escribíu dous poemarios, Poemas 1981/1991 (Positivas, 1992) e Poesía última de amor e enfermidade (Positivas, 1995), antes do seu falecemento. Foron suficientes para se gañar o respecto dos intelectuais galegos, entre eles César Antonio Molina, quen, foi responsable da aparición de Pereiro nunha antoloxía de poetas españois na editorial Anthropos.

