Xa que os políticos e os creadores dos logotipos do Xacobeo opinan según os seus intereses, quen mellor que profesionais galegos do deseño e o márketing doutras empresas para facer unha valoración do decisión da Xunta de cambiar o proxecto a seis meses do inicio do Ano Santo.
Antonio Monteagudo, da firma Estratexia+, con sede en Pontevedra, asegura que estas medidas teñen que tomarse "en base a unha planificación" e ten que "haber un estudo do recoñecemento da imaxe". Para estes traballos, é necesario "mínimo tres meses" polo que é "imposible" que a Xunta do PPfixera estes labores dende que tomaron posesión do cargo. "Seguro que está baseado nunha decisión totalmente subxectiva", razona Monteagudo.
Ademais, este experto en márketing asegura que é "unha ruína" económica, xa que o novo Goberno terá que cambiar todo os carteis e elementos que conteñen o logo. "É tempo e diñeiro perdido", engade. Así mesmo, sinala que "non se pode volver ao antigo sen máis, nunca" porque "dá a sensación de que se volve a algo vello". "Se se recupera, hai que actualizala", explica.
Pola súa banda, Miguel Bernárdez, que xestiona unha empresa de comunicación en Ourense que leva o seu apelido, consida que se trata dunha "decisión absurda" e "un erro", motivado porque o logotipo que agora se desbota foi deseñado por encargo dun Goberno "doutro signo político".
"É un gasto innecesario"
"Eles terán valorado o gasto", estima Miguel Bernárdez, quen cre que será "un montón" o diñeiro que se terá que invertir para cambiar os obxectos que se diseñaron co logo da frecha do Camiño. " Non é unha decisión acertada en tempos de crise economica; é un gasto innecesario", engade.
Por outra banda, este experto en comunicación considera que "a seis meses, se xa houbo campañas promocionando o deseño máis recente, o que farán é confundir e desorientar á xente".
Mentres, Pablo Maiz, un deseñador gráfico da empresa con sede en Compostela Maiz Creativos, cre que "dar marcha atrás pode ser perigoso". Con todo, considera que ao logo da frecha deseñado en 2006 "non se lle deu promoción", polo que "igual pode ser efectivo" recuperar a marca vella.
Iso si, ao igual que xa sinalou Antonio Monteagudo, Pablo Maiz asegura que cando se recupera un logo vello hai que facer unha revisión da imaxe. "Se se rescata algo antigo, ten que ser coa munición ben cargada", indica.
Ademais, este deseñador gráfico tamén coincide en que os peregrinos poden ter "confusión" xa que con só seis meses para cambiar todos os carteis e indicativos é probable que queden sen mudar moitos logos da frecha sen retirar. "É estraño facer unha marcha atrás, e con tampouco tempo...", explica.
Independentemente destas dúas imaxes empregadas nos últimos anos para promocionar o Xacobeo, todos os expertos coinciden nun punto: o Pelegrín, un boneco que todos os galegos recordan. De feito, en case todas as tendas de souvenirs de Santiago de Compostela seguen ofrecendo camisetas, chisqueiros ou chaveiros con este deseño impreso.
"Ter quitado o Pelegrín xa foi un erro, habería que recuperalo", asegura Pablo Maíz, que defende esta marca porque "se identifica e representa" ao camiñante que viaxa ata a capital galega.

