O logotipo do Xacobeo deseñado polo Goberno bipartito caerá a partir de agora en desuso e a nova Xunta recupera o utilizado no Ano Santo 2004, xa usado en 1999 xunto co famoso Pelegrín. Así, o anunciou onte no Parlamento a secretaria xeral de Turismo, Carmen Pardo. Con esta decisión, pérdese un deseño que custou 200.000 euros elaborar e que leva sendo empregada para a promoción do Xubileo nos últimos tres anos. Ademais, figura en todos os albergues, carteis, exposicións e demais elementos relacionados como imaxe corporativa do evento, o que suporá ter que mudar todos estes logos polo vello.
A pesar do gasto que vai supoñer todos estes cambios, Carmen Pardo apelou á “austeridade” como motivo da recuperación do deseño do círculo vermello con catro cunchas de viera no interior. Ademais, dixo que o actual “non ten imaxe de marca”, mentres que o empregado en 2004 é “identificado a nivel internacional”. A secretaria xeral tamén sinalou que a ‘frecha’ do Camiño representada con círculos azuis e amarelos crea “confusión” xa que, segundo ela, parécese á marca dunha “cadea de alimentación”. Esta idea xa a denunciaron algúns blogueiros hai tempo.
Este deseño é froito dun concurso de ideas convocado pola Xunta en 2006, un trámite que supuxo un gasto total de 200.000 euros, segundo explicou onte Carme Adán, deputada voceira de Turismo do BNG, formación responsable desta área na anterior lexislatura.
“Iso é unha tontería”
O anterior xerante da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Rodríguez Eguibar, era onte claro cando se lle preguntaba a súa opinión sobre a decisión da Xunta. “Isto é unha tontería”, afirmou, para logo engadir que “supón unha perda de tempo” na organización do evento.
Así mesmo, rexeitou que o logo da frecha non sexa coñecido. “Levámolo de Xapón a Canadá; é coñecido en todo o mundo”, apuntou Eguibar. Ademais, rexeita de plano que o deseño se pareza ao doutra empresa, xa que todas as marcas pasan por uns procesos nos que se comparan con outras antes de ser aprobadas, para evitar posibles problemas e denuncias no futuro.
Mentres, Carme Adán, alerta que esta decisión vai “retrasar” aínda máis a preparación do Ano Santo 2010, debido a que o logo xa foi presentando hai tempo ao Consello Xacobeo e incluso dende o 17 de marzo o resto de comunidades autónomas por onde pasa o Camiño poden facer uso del. Así, “terán que facer unha actualización do rexistro”.
Por este motivo, Adán cre que esta decisión “responde a outros intereses: dar a sensación de que non había nada feito, algo que é falso.” A deputada nacionalista considera que “vai atrasar as cousas” e incluso ironiza con que non sabe a que cadea comercial se refire Carmen Pardo cando fala da suposta “confusión” que crea o deseño.
As exencións fiscais, a punto
Por outra banda, a secretaria xeral de Turismo anunciou que hoxe mesmo vai reunirse en Madrid o Consello Xacobeo e prometeu “volver coas exencións fiscais” a empresas que apoien o Ano Santo xa aprobadas. Deste xeito, Pardo apuntou que “a próxima semana” xa comezará a procura de patrocinadores.
Así mesmo, a responsable da Xunta asegurou que o seu equipo “traballou máis en 12 días que o anterior Goberno en 12 meses”, a un ritmo de “18 horas diarias”. Ademais, acusou ao bipartito de deixar uns orzamentos “irrisorios” para a promoción do Ano Santo.
Ante estas declaración, a deputada socialista María Quintas, quen rexistrou a pregunta no Parlamento, acusou a Pardo de facer “literatura” e de non concretar datos e previsións. Ademais, dixo que ata o de agora só se “fixeron fotos” nas diferentes reunións mantidas.
A secretaria xeral respondeu que “o PP ten un gran ‘know how’ de como organizar Xacobeos”. “Imos conseguilo”, afirmou, para logo engadir que está “coa cabeza ben alta” polo traballo realizado.
"Están mareando"
A deputada do BNG responsable da área de Turismo considera o Goberno actual ten a intención de “despitar” e de dar a idea de que a anterior Xunta non realizou a preparación do Xacobeo. “Non entendo que estean mareando con cousas que xa están feitas, en vez de tirar para diante”, explica Carme Adán, quen reitera que o bipartito traballou ata antes das eleccións e deixou moitos asuntos preparadas. “Hai 99 exposicións xa preparadas”, cita de exemplo.
"É un sinsentido"
O xerente da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo na anterior lexislatura considera “unha tontería” e “un sinsentido” a decisión da Xunta de Galicia. Ignacio Rodríguez Eguibar defende que o logo da frecha “ten todos os parabéns legais” e que leva tres anos sendo empregado como imaxe corporativa do Ano Santo compostelán, polo que cre que é “unha perda de tempo” este cambio da marca.
Bugallo pide "tolerancia" á Igrexa nos usos da Quintana
O alcalde de Santiago volveu onte insistir en que a Praza da Quintana é un espazo público e pediu á Igrexa “paciencia” e “tolerancia”, ademais de facer unha defensa da “compatibilidade” de usos e de asegurar que se regularán as actividades para que non interfiran nas misas. Con todo, dixo que “non ten utilidade” abrir un debate sobre este asunto e defendeu que a celebración de manifestacións é “un dereito fundamental” que “só o Tribunal Superior de Xustiza pode negar”. Así, Bugallo dixo que o concello “tratará de prestar o máximo apoio á catedral”. “Xa falamos de reorganizar o acceso á Porta Santa”, afirmou, para logo explicar que xa adquiriron uns tensatos –uns soportes con cintas como os que se usan nas fileiras dos aeroportos– para distribuir á xente que queira acceder á catedral. Ademais, o alcalde dixo que van ser “prudentes” para restrinxir as actividades no horario de apertura da Porta.
Por outra banda, apostou por crear unha “comisión de coordinación” que traballe durante todo o ano revise os actos cada semana para non molestar nos actos relixiosos coa música. Ademais, ofreceu tanto a Praza da Quintana como a do Obradoiro para a realización de misas multitudinarias. Neste senso, explicou que xa houbo peticións, por exemplo, dunha visita de 6.000 persoas procedentes dunha localidade portuguesa. O rexedor socialista incluso bromeu dicindo que, cando haxa eses actos, as cafeterías terán que retirar as mesas da terraza porque “non fai bo efecto uns en misa e outros tomando o vermú”.

