‘A historia do mundo contada ás locas’

O CGAC acolle ata setembro a segunda parte de ‘A Batalla dos xéneros’, que estivera centrada no período xerminal da arte feminista. Presenta obras realizadas xusto no punto no que aquela mostra concluira e incorpora problemáticas como a pandemia da SIDA ou as loitas transxénero
Héctor Sanz Castaño Actualizado 13/06/2009 - 01:03 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 1 voto/s

En todas as partes. Políticas da diversidade sexual na arte, a mostra comisariada por Juan Vicente Aliaga no CGAC, inscríbese na tradición de exposicións que se embarcan na complicada tarefa de facer visíbeis os discursos LGBT na arte contemporánea. Non hai lugar a dúbidas de que é unha exposición necesaria, nun momento no que toda equiparacion de dereitos, ou case toda, semella acadada. Como en practicamente todos os grandes movementos sociais, os que se atopan nas súas marxes adoitan acabar nas gabias discursivas do camiño, a medida que se van cumprindo os puntos “fortes” da axenda. En 1971 o Front Homosexuel d’Action Révolutionnaire (FHAR) publicou os chamados Documentos contra a normalidade, un conxunto de textos e reflexións pioneiras destinadas a se converter en referencia inevitábel para todas as reflexións posteriores sobre a disidencia sexual. Pero por diante de todo, supón a primeira alerta ante un proxecto de integración que separe aos “bos homosexuais” dos desviados e viciosos.

Na historia recente das reivindicacións homosexuais, os primeiros en alimentar as listas de non aptos para a causa foron as tolas, as hormonadas, as transexuais, os mesmos e as mesmas que encabezaban as manifestacións, animaban o cotarro e recibían os paus físicos –cando os había– das forzas da orde e o flaxelo intelectual da elite do activismo que empezaba a chamarse “gai”. Eran demasiado ruidosas, demasiado pregadas ao estereotipo heterosexista –dicían–, demasiado abxectos e difíciles de asimilar nun modelo de integración a través da invisibilidade. Logo chegaría a SIDA, a estigmatización dos mal chamados “grupos de risco”, por unha banda, e pola outra o reforzo dunha imaxe de vigor físico como último indicador de resistencia diante da enfermidade, malia aos notábeis esforzos por controlar a epidemia e crear conciencia de comunidade. Probablemente a causa do medo ao contaxio, os seguintes en ficar á marxe foron os que apostaron decididamente por unha sexualidade anti-normativa, afeccionados ao cruising, consagrados ao S&M ou aos “deportes de auga” –traducindo o termo anglosaxón–. Todos eles desviados das pretensións de respectabilidade integradora dun certo activismo. Non mencionei especificamente ás lesbianas porque probablemente as súas reivindicacións específicas nunca formaron parte de ningunha axenda. Atoparon un camiño da man do feminismo, aínda que non estou certo de que alí deixasen de ser un punto secundario na orde do día. Pero esa é outra historia. Os que nos últimos tempos se converteron en punta de lanza das reivindicacións son aqueles que se atopan nun estado transxénero ou intersexual e rexeitan a división categórica de xéneros e sexos, desafiando a estabilidade do sistema. A súa loita de resistencia líbrase nos seus propios corpos.

Onde fican estas voces e esta estratexia? Dende que lugar falar para resistir a desactivación do noso discurso? Hai anos que andamos a voltas co queer, un vocablo que debera englobar como un paraugas todas estas disidencias e sacarnos das aporías dun pensamento monolítico sobre a sexualidade –sexa cal sexa–. Juan Vicente Aliaga foi, probablemente, o primeiro en reflexionar sobre o asunto ao escribir Pujanza (y miserias) de un nombre dentro do catálogo da célebre Transgenéric@s. A palabriña introduciuse como un comodín que converte en desafiante e novo –cando menos, en apariencia– todo o que toca. Parece que houbese consenso sobre a súa acepción, e porén séguese engadindo como unha apostila á xa imposíbel riola LGBTIQ... Pero é que acaso non é todo iso queer? O réxime extremadamente analítico do discurso académico –do que non me exclúo– responde bastante mal a un termo que elude a categorización e que basea a súa eficacia en ser, precisamente, escorregadizo. Non obstante, deberiamos facer un esforzo colectivo por outorgarlle un sentido preciso e coherente.

En moitos sentidos, En todas as partes é unha historia contada aireando os “trapos sucios” e esa é unha posición valente. Recolle unha gran parte das experiencias artísticas e vitais á marxe das marxes, dende a década dos setenta até o presente. A resistencia á normalización non é nin limpa nin bonita, é pegañenta, porque pon en xogo materiais íntimos e é chocante, porque desata ferozmente aquilo que fora reprimido. A obra de Robert Mapplethorpe, por poñer un exemplo, foi tan frecuentemente sublimada a través do claroscuro e as composicións clásicas que é necesario buscar aquelas imaxes que aínda teñan a capacidade orixinal para poñer ao espectador ao bordo do abismo.

Proba superada. Pero para reafirmar as nosas posicións críticas é imprescindíbel ter moi claro dende onde nace o noso discurso e cales son os nosos referentes. La historia del mundo contada a las locas é unha colección de artigos publicados por Alberto Cardín comezando en xaneiro de 1981 acompañada de ilustracións ad hoc de Nazario. Tomei emprestado o título para facer patente que un non traballa no baleiro e que a crítica da realidade está condicionada polas historias que nos contan. Porque se de algo adoece esta exposición é dun discurso accesíbel. A sucesión de obras –que non responde a asociacións temáticas preestabelecidas ou a un discurso puramente historiográfico– non precisa xustificarse diante de ninguén, pero si explicarse. Explicar por que unhas eleccións fronte a outras ou por que ligar entre si unhas traxectorias que en principio non se corresponden. A exposición parece dirixirse a un espectador moi formado e informado, capaz de situar cada mensaxe no seu contexto. Por desgraza, son os menos.

Poderiamos extraer unha mensaxe moi clara deste conxunto de traballos: ninguén vai vir contarnos a nosa historia. Haberá quen decida sumarse e ha ser benvido, pero somos nós os e as que debemos falar do noso desexo, da nosa sexualidade, a nosa identidade, as nosas feridas, as nosas loitas e os nosos corpos. O activismo queer e a súa materialización nas artes plásticas mantén aberta a fenda no tecido da normalidade, pero necesita con urxencia a documentacion e –aínda máis importante– a análise das súas prácticas para extraer algunha conclusión de cara ao futuro.

Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad

Título:
Comentario:
Nombre:
Email: (no se visualizará)
Introduce la palabra de la imagen
Código de verificación para prevenir envíos automáticos.
kaptcha
Identificarse con:
  

Esta página publica todo tipo de opiniones, réplicas y sugerencias de interés general, siempre que sean respetuosas hacia las personas e intituciones.
Se aconseja un máximo de 15 líneas, que podrán ser extractadas por nuestra Redacción.
Los autores deben hacer constar: nombre y apellidos, y e-mail.
Aquellos textos que no se ajusten a estos criterios podrán ser retirados de la web.