A actriz Audrey Tautou desvela o misterio da personalidade de Chanel na película Coco, avant Chanel, que se estrea o vindeiro venres. A protagonista de filmes como Amélie ou El Código da Vinci encarna na gran pantalla á icona da moda francesa, que creou un imperio, e coa que comparte o lema “Non sei moi ben o que quero facer, pero se moi ben o que non quero facer”.
“Non sei se me parezo de verdade a ela, pero me identifico bastante con esa idea”, explica. A intérprete comparte con Coco Chanel, casualmente, a procedencia –ambas son da rexión francesa de Auvernia, no centro do país–, pero foi na personalidade no que Tautou se fixou para aceptar o papel: “Eu vexo un tipo de forza no seu carácter, unha intelixencia e ese determinado orgullo”, afirma. E engade que foi unha muller “moi diferente” ás da época que lle tocou vivir.
O carácter “misterioso” e “poderoso” de Coco Chanel queda reflectido no filme, segundo a actriz, e ao carón queda a moda. “Non é só unha película para quen están interesados na moda, sería restritivo para o resto e non interesaría”, subliña.
Unha muller diferente
Para a protagonista de Amélie, foi toda unha revolucionaria: “Nunca casou e nunca creou un fogar”, indica, explicando que axudou a “liberar ás mulleres”. “Quería as mesmas liberdades que un home, por iso era tan moderna. Quería ter o mesmo poder que eles e non podía apoiar a aquelas mulleres que vivían como cortesás e dependían totalmente dos homes”, detalla Tautou, unha actriz que, como Chanel, se entrega aos seus proxectos pero que non vende a súa alma ao diaño. “Son unha mentireira horrible e Chanel facíao moi ben”, indica.
Co resultado da película, dirixida por Anne Fontaine, Tautou non sabe se Coco Chanel “estaría contenta”. “Espero que si, porque creo que puxemos todo o noso empeño niso”, agregou a actriz, que tras terminar a rodaxe sentiu unha “liberación” do seu personaxe.

