A secretaria de Benestar do PSdeG, Beatriz Sestayo, laiouse onte da “falta absoluta de compromiso” que, ao seu xuízo, está demostrar o Goberno galego en todo o relacionado coa atención ás persoas en situación de dependencia.
A través dun comunicado, a deputada socialista cre “vergoñento” que o Goberno galego “diga agora que non pode pagar as prestacións económicas dos dependentes” cando, lembra, “reiterou ata a saciedade que o farían tan pronto chegasen ao Goberno”.
Despois da que Sestayo cualifica como “terrible manipulación que o actual presidente da Xunta levou a cabo en campaña coas persoas dependentes”, o PSdeG critica a “parálise absoluta” do Goberno galego na materia algo que, ademais, di, provoca “confusión e inseguridade” nas persoas que agardan por unha axuda.
“O PP –di a socialista– demostrou que a fin xustificou os medios para acadar o poder con mentiras e manipulación”. Boa mostra disto, sostén, é que entre as “promesas electorais” dos conservadores figurase a “eliminación” do Consorcio de Servizos de Igualdade e do Benestar, un “organismo obxecto dos ataques da campaña e que agora apoian”.
Xuntanza cos concellos
Dende o punto de vista dos socialistas galegos, fronte á “parálise” da Xunta na posta en marcha de prestacións, faise necesaria unha “xuntanza inmediata” cos concellos galegos para “clarificar cal é o modelo que vai aplicar o PP”.
Neste sentido, Beatriz Sestayo suliña que, mentres o Goberno galego non poña en marcha ningunha medida e continúe o “esperpento” das pasadas semanas, “os verdadeiramente perxudicados son os cidadáns de Galicia.
“Burato” de 80 millóns
As declaracións da voceira do PSdeG chegan despois de que, ao longo da pasada semana, a consellería de Traballo e Benestar denunciase un suposto “burato” de 80 millóns de euros nos orzamentos da Xunta en materia de depenencia.
Esta reclamación foi respostada dende os grupos da oposición, especialmente dende o BNG, formación responsable da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar na pasada lexislatura.
Segundo o seu voceiro paralmentario, Carlos Aymerich, o suposto “burato” correspóndese con 80 millóns que as arcas autonómicas aínda deben negociar co Estado, algo que, di, se debe facer con “présa” diante do risco de perder eses fondos.

