A Teresa Táboas vanlle os retos. É unha das caras máis coñecidas dentro da nova Executiva do BNG, debido ao seu cargo como conselleira de Vivenda e Solo no Goberno bipartito. Agora, lonxe xa de San Caetano debido aos resultados electorais do 1M, ten ante si o reto de substituír a Francisco Jorquera á fronte das labores de coordinación da organización frontista. Hai quen a ve como unha posible candidata á presidencia da Xunta, pero ela négao. Anda a outra cousa. “Non se debe falar de futuribles, xa vedes como está a Bolsa”, bromea. “Nós agora estamos centrados en voltar a seducir á sociedade, e en traballar xuntos. Debemos traballar e acertar neste tránsito”, di segura.
Como se atopa no seu novo posto, que diferenzas nota con respecto ao cargo de conselleira dun Goberno?
Estou moi contenta nesta nova etapa. Aínda que traballamos a reo, notas menos presión. Cando estás no Goberno a presión é continua. Estás todo o tempo pendente do teléfono, de que saíu un comunicado de prensa, disto, do outro... Estás baixo unha gran presión. Os primeros meses non daba durmido, comecei a facelo no mes de decembro, e aínda así, espertaba sempre á mesma hora da noite. Logo funme acostumando, eu creo que porque xa te afás. Viña do Colexio de Arquitectos, do meu despacho e de súpeto entrei nun Goberno do que se esperaba moito.
Entrou moi rápido na cúpula do BNG. Nesta organización, ao contrario que noutras, a meritoriaxe para entrar na Executiva é moi grande.
Ben, o meu ascenso foi algo circunstancial. A propia forma de entrar para ir a un Goberno, logo o proceso que afrontamos tras a pérdida do poder... Logo, xorden tres candidaturas ao Consello Nacional, onde dúas delas poden logo presentar unha candidatura á Executiva por porcentaxe de votos. Non hai nada previo, nin nada de antemán, as cousas foron saíndo así.
Sentese a número un ou a número dous dunha candidatura?
Síntome unha militante. Todos e todas temos que xogar un papel importante na reconfiguración da propia organización e facer unha fonda reflexión para analizar por que o Bloque Nacionalista Galego non ten o apoio maioritario desta sociedade, sendo a única forza propia de Galicia. Por que os grupos nacionalistas teñen tanto apoio en Cataluña e no País Vasco e aquí non? A pasada lexislatura estivemos no Goberno, pero xa no 2005 houbo unha perda importante de poder por parte da organización de catro deputados. Entramos na Xunta e fixemos moitas cousas boas, e aínda con iso, parece que hai certa desconexión coa sociedade nalgúns sectores. Tamén é certo, e está claro, que esa sociedade moitas veces recibe unha visión distorsionada do nacionalismo a través de certos mensaxeiros que, precisamente, queren distorsionar, de forma intencionada, a nosa mensaxe.
Pero falla a mensaxe do BNG?
Neste momento da historia parece que as fronteiras se esvaecen. O máis importante, o máis avanzado neste momento de globalización, é precisamente ter identidade propia e reivindicala. Temos que facer iso, pero non como un rexeitamento cara aos demais, senón como un xogo de espellos no que nos miren, no que aprender. Agora mesmo, de novo de forma intencionada, o que se pretende é polarizar o mundo. Ou é PP ou é PSOE. Parece que deste xeito, polarizando máis a sociedade, é máis fácil manipulala. A rebeldía está no propio, está no nacionalismo. Hai un proceso que está a xurdir en todo o mundo de reivindicar o propio, o que nos fai diferentes, e Galicia ten que aceptar isto. A xente ter que darse de conta de que o nacionalismo non significa que esteamos pechados, non significa iso. Un gran sabio dixo un día que “hai que ser verdadeiramente universal para ser nacionalista”.
No entanto, se unha forza política se centra na conciencia crítica tamén corre o risco de perder peso, o peso dos que non pensa que poida gobernar...
Hai unha certa desconexión coa sociedade, iso é certo. Non sei se son as formas ou o que é. Quizais sexa a tradución que fai a sociedade da nosa propia mensaxe ou é que non sabemos comunicala ben. Somos a única forza política galega e interclasista. Facemos unha política dirixida ás maiorías sociais, e aínda así, a xente non se sinte relacionada co Bloque. Temos que centrarnos en ver o por que.
Pode ser que unha única organización nacionalista para tantas correntes distintas sexa parte do problema? En Cataluña ou no País Vasco hai distintos partidos a pesar de ser nacionalistas.
Ese non é o problema para nada. Todos estamos unidos, por iso conviven distintos modelos dentro dunha mesma organización. Somos o BNG. Logo, por suposto, hai que traducir na acción cales son os modelos maioritarios nesa forza nacionalista.
Vostede é unha muller moza, nacionalista. Retrata para moitos esa renovación do BNG. Síntese disposta a protagonizar ese rol dentro do Bloque?
Teño compromiso e total ilusión. Eu seguirei traballando polo BNG e para o BNG, e tamén dentro desa liña que se iniciou coa candidatura de Máis BNG. Falar de candidatos á nada é falar de futuribles, e xa vedes como vai a Bolsa. Eu non falo de ciencia ficción. O único do que nos temos que dar conta neste momento é de que o nacionalismo non é o rexeitamento de nada. Eu creo nun mundo de pobos distintos onde nos miremos con respecto e poidamos apostar por unha maior xustiza. Nesta idea, Galicia ten que participar desde Galicia, desde unha cultura que nos define como pobo. Todos temos que estar no futuro do BNG. Temos que estar todos porque hai un gran pensamento. Temos que tecer o futuro do BNG e temos que coller a toda a xente que temos para axudar a tecelo. Logo, está claro que cada un terá un papel distinto, pero todos estamos xuntos.
Pero, que sinte ao saber que parte da militancia a ve coma unha boa candidata?
Repito que o de ser candidato ou candidata non é unha cuestión prioritaria. O importante agora é reflexionar, buscar unha mensaxe nacionalista que transmitir aos galegos, unha mensaxe que eles entendan. Hai que seducir a Galicia. Hai que facerse cunhas canles de comunicación correctas para que as cousas cheguen de forma satisfactoria, sen estar alteradas.
Nos anos nos que o Bloque foi tildado de “máis radical” obtivo mellores resultados electorais que logo, cando mostrou un nacionalismo “máis amable”. Cara a onde debe ir este novo BNG?
Cara a defensa dos intereses do país e da xente. Que é ser radical? Se ser radical é defender os intereses do noso país como ten defendido o BNG, e se ser radical significa buscar un pais onde non haxa división sociais e onde todo o mundo teña acceso a un traballo, entón, si somos radicais. Non entendo por que din que despois da asemblea o Bloque virou cara a radicalidade. Non o vexo así. Somos unha organización onde houbo e hai debate interno. Nese debate hai que facer que participen máis militantes. Temos que abrir as portas da organización para que entre máis xente, para que participe máis xente. Abrir as portas e as fiestras. Cando entre o aire, entrará toda a sociedade e estaremos máis en contacto con ela.
O Bloque está agora mesmo nunha situación transitoria?
Estámonos a reforzar. Claro que estamos en tránsito, debemos estalo sempre e neste momento máis, debido á resposta da sociedade nas urnas. Para transitar e acertar nese tránsito, para facelo ben, debemos facer que a sociedade volva confiar no nacionalismo. Fomos a segunda forza política de Galicia, tivemos alcaldías importantes... Se se fai mal corremos o risco de acabar sendo unha forza marxinal. Iso non só sería malo para o BNG, sería malo para Galicia.

