O músico, escritor e xornalista Xurxo Souto vén de ser cesado e de deixar de presentar o programa 'Aberto por Reformas' que emitía a Radio Galega logo da chegada de Rosa Martínez á dirección da emisora pública, designada polo goberno do PP. O programa estaba adicado de xeito íntegro á música galega e en galego, algo que vén de variar logo de que esta semana asumira a presentación do mesmo o xornalista Xusto López Carril, ex xefe de prensa do PSdeG durante a etapa de Touriño, e cambiara por completo o espírito do espazo. A destitución de Xurxo Souto -ex cantante de Os Diplomáticos de Monte Alto e activista do movemento bravú- uniuse así ás outras polémicas que rodean á CRTVG, ademais de provocar unha forte contestación entre o mundo cultural do país, especialmente no eido musical. Porén, o escritor coruñés prefire manterse á marxe das polémicas, malia que si é firme á hora de defender á valía da creatividade galega e a súa visibilidade mediática.
"Non teño queixa sobre o cesamento, as formas foron as normais e entraba dentro do previsto logo do cambio de dirección", afirma o membro d'Os Tres Trebóns. "O importante non son eu, senón a música galega, que está agora montada enriba dun lóstrego e hai que loitar por ela", engade, gabando a efervescencia pola que pasa o pop galego. "Semella que hai un cambio de estilo en 'Aberto por Reformas', non sei se será unha transición nin o que pasará no futuro, pero o que teño claro é que tanta maravilla musical como a que dá este país non pode ser agochada polas súas institucións, que ademais están obrigadas á súa promoción por mandato legal. O de menos é o nome do programa, o importante é seguir a alimentar tanto talento", apunta.
