“Escándalo”, “preocupante”, “inexplicable”, “innecesario”... Son só algún dos adxectivos que o sector galego defensor do software libre emprega para definir o contrato asinado entre a Xunta e Microsoft. O Executivo galego adxudicoulle 2,2 millóns de euros á multinacional para a adquisición de novas licenzas na Administración. O concurso, da Consellería de Presidencia, realizouse sen publicidade e non foi publicado no DOG malia a enorme contía acordada. “Unha fraude”, din os defensores do free software.
Unha fraude “ás promesas do PP, que no seu programa apostaba polo software libre”, aclara Xesús Baleato, coordinador do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galicia (Mancomún). E unha fraude “á cidadanía”, xa que “viola a liberdade do usuario”, tal e como di Juan Añel, representante de GNU España, e que destaca que “o software privativo non garante a privacidade dos datos dos cidadáns”.
“Precísase poñer luz; a cantidade pagada é o suficientemente alta como para detallar as cousas”, engade Luis Alberto Fernández, xerente de Agasol (Asociación Galega de Empresas de Software Libre).
Todos eles coinciden no “inexplicable” dun contrato millonario “para comprar licenzas de algo do que a Xunta non é nin propietario”. “O propio Feijóo dixo apostar polo software libre, por un sistema que non supón só non pagar licenzas, senón que permite a independencia tecnolóxica, así como copiar, compartir, mellorar e distribuír libremente os produtos e adaptalos ás necesidades de cada Administración”, destaca Luis Alberto Fernández. “O que fixo a Xunta foi comprar un permiso, sen máis; é como ter un iogur con data de caducidade e, aínda por riba, non poder comelo”, insiste Baleato, que considera a decisión do Goberno galego “unha enorme contradición”. “É un despilfarro e máis en tempos de crise, xa que están pagando por algo innecesario”, engade, ademais de lembrar que o presuposto anual de Mancomún non supón nin a sexta parte do que recibirá Microsoft, “que cotiza en Irlanda e ten a sede nos Estados Unidos”.
Mentres, tal e como recorda o sector, outras autonomías de España, así como Holanda, Brasil ou Suecia apostaron xa pola migración completa dos sistemas informáticos das súas administracións ao software libre para “aforrar custos” e “desenvolver a industria local das TIC”. Galicia aínda terá que esperar.
Liberdade total
Software libre é a denominación do software que dá liberdade aos usuarios sobre o seu produto adquirido e por tanto, unha vez obtido, pode ser usado, copiado, estudado, modificado e redistribuído libremente. Segundo a ‘Free Software Foundation’, o software libre refírese á liberdade dos usuarios para executar, copiar, distribuír, estudar, cambiar e mellorar o software. Xa que logo, refírese a catro liberdades: a de usar o programa con calquera propósito; a de estudar o funcionamento do programa e adaptalo ás necesidades; a de distribuír copias, co cal se pode axudar a outros, e a de mellorar o programa e facer públicas as melloras, de modo que toda a comunidade se beneficie. Microsoft loita desde hai anos para contrarrestar o auxe do software libre.

