Malia a non ter rango de lei, o Plan Xeral de Normalización Lingüística, consensuado por todos os grupos da Cámara autonómica en 2004, e en cuxa elaboración participou o actual secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, foi nos últimos anos a guía da Xunta á hora de establecer normas de protección para o galego.
Con todo, as medidas establecidas neste Plan, especialmente as vencelladas ao ámbito do ensino, corren o risco de quedar sen efecto no caso de que Educación rebaixe os actuais niveis de presenza do idioma nas aulas. Así, unha diminución das materias impartidas en lingua galega fuxiría do obxectivo marcado no Plan, segundo o cal o horizonte a acadar debe ser un “mínimo” dun “cincuenta por cento” das materias impartidas en galego. Do mesmo xeito, o texto fai fincapé na necesidade de garantir o coñecemento da lingua propia de Galicia por parte dos alumnos cuxo idioma materno sexa o castelán. Precisamente as directrices fixadas no Plan Xeral de 2004 foron as inspiradoras do decreto que regula o uso do galego no ensino dende o ano 2007. Con todo, ese “mínimo” do cincuenta por cento, que orixinara as protestas de colectivos como Galicia Bilingüe, é agora rexeitado polo Goberno galego.
