Jacobo Fernández, coñecido como autor de historietas, obtén o Merlín de Literatura Infantil por ‘Mil cousas poden pasar. Libro I’.
A escritora e xornalista Rosa Aneiros (Meirás-Valdoviño, A Coruña, 1976), colaboradora de Xornal de Galicia e Xornal.com, bateu onte unha marca ao gañar o Premio Xerais de Novela 2009 con Sol de Inverno e tamén o Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, con Ás de bolboreta, unha dobre victoria que nunca sucedera na historia dos premios outorgados pola editorial viguesa.
O terceiro do galardóns en xogo, o Merlín de Literatura Infantil 2009, foi para o ilustrador, pintor e autor de cómic Jacobo Fernández (Vigo, 1971), pola súa obra Mil cousas poden pasar. Libro I.
Aneiros declarou estar “abraiada” por ter gañado dúas veces e pensa que foi “unha coincidencia, porque unha das obras non ten nada que ver coa outra”. Dixo tamén que decidíu presentalas porque mentres estaba a cubrir a inscripción de Sol de Inverno, lembrou que tiña aínda Ás de bolboreta no caixón “dende había máis dun ano”.
Infancia e relacións humanas
Así, a autora describíu o texto co que gañou o Xerais de novela, baixo o pseudónimo de Pillara, coma “a historia dunha nena, Inverno, a que lle roubaron a infancia, e como ao longo de toda a súa vida pelexa por recuperar ese paraíso”. E respecto a súa obra xuvenil, dixo que era unha obra coral, na que un mesmo bar recibe a varios personaxes, e na que expresa que “todos estamos interconectados e o bater de ás dunha bolboreta pode provocar efectos inagardados noutra parte”.
O gañador do Premio Merlín de literatura infantil, Jacobo Fernández Serrano, coñecido ante todo polo seu labor como autor de cómic, sorprendeu ao xurado con Mil cousas poden pasar. Libro I, unha narración poboada por personaxes insólitos e situacións imaxinativas e disparatadas. A historia xira, como na novela de Aneiros, en torno ás consecuencias das accións, por sutís que parezan, nunha teoría sen fin das ás de bolboretas.
Para o xurado “As personaxes son tan únicas coma as situacións que experimentan: os ríos teñen vida propia, hai dous namorados que viven a súa historia cunha beleza e sensibilidade nas antígonas da ñoñería, e atopamos un enterrador que para si quixera Tim Burton”.
O fallo do xurado deuse a coñecer onte no Edificio Multiusos da illa de San Simón nun acto literario-musical ao que asistiron máis de 300 persoas, entre as que figuraron o delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro, o director xeral de Cultura da Consellería de Cultura e Deporte, Xabier Méndez, o presidente da Federación de Libreiros de Galicia, Xurxo Patiño, e o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, entre outros moitos persoeiros.

