O director xeral de Montes di que só cambian nun 5% o dispositivo herdado do bipartito, con 200 persoas a maiores
A Xunta de Galicia incrementará este verán as brigadas contraincendios nun 7%, ante o maior risco de lumes que existe nos montes galegos. Así o ractificou onte o director xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto, durante a presentación do dispositivo para loitar contra os lumes, na que asegurou que se aplicará o sistema deseñado polo Goberno bipartito con “pequenos matices”, sumando 38 ás 500 brigadas xa previstas polo departamento que antes dirixía o nacionalista Alfredo Suárez Canal.
Fernández-Couto sinalou que co cambio de poderes “os prazos botáronse enriba”, polo que non tiveron máis remedio que asumir o dispositivo da Xunta anterior, que so cambia nun 5%. Con todo, non quixo aclarar se, de ter tempo, terían optado por reelaborar o plan máis profundamente.
Pero, despois de que na anterior lexislatura o Partido Popular tildase de “chiringuito” a Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos (Seaga), a Xunta defende agora que se trata dun “instrumento público máis” do Goberno e seguirá a contratar aos brigadistas que este verán traballarán na campaña contraincendios a través deste organismo.
Máis risco do normal
O que si sinalou o director xeral de Montes é que hai un “maior risco” de lumes este ano debido a que nos últimos dous veráns choveu bastante, polo que a vexetación creceu e, ademais, as superficies que arderon en 2006 xa estan recuperadas. Deste xeito, hai un nivel de biomasa, “peor do normal”.
Por ese motivo, decidiron sumar 38 brigadas máis, dúas por distrito forestal, o que supón 200 operarios máis e un total de 5.200 persoas para a campaña que vai do 1 de xullo ao 30 de setembro. Ademais, os equipos de urxencia e primeira actuación tamén foron “reestructurados” e pasan de “60 a 90”.
Así mesmo, Tomás Fernández-Couto sinalou que o persoal que estimaba o plan do bipartito non era suficiente, xa que “supón unha merma importante na capacidade de resposta”. Con todo, dixo que haberá dispoñibles 25 helicopteros, os mesmos que no 2008.
Por outra banda, lembrou que as tarefas da Xunta de Galicia veranse complementadas polo “dispositivo disuasorio” no que traballarán a Policía Nacional e Autonómica, así como a Garda Civil. Tamén “en breves datas” estará asinado o convenio co Exército para facer tamén tarefas de vixilancia.
Todos estes detalles veñen recollidos no Plan de Defensa contra os Incedios Forestales de Galicia (Pladiga), que o Goberno espera aprobar na vindeira reunión do Consello Forestal de Galicia, o 16 de xuño, e posteriormente darlle o visto e prace no Consello da Xunta do día 18. Por iso , o responsable de Montes ofrecerá “información máis detallada” a próxima semana.
Fernández-Couto lembrou, como xa anunciara Alberto Núñez Feijóo hai uns días, que o novo Executivo popular destinou case catro millóns máis aos orzamentos calculados polo Goberno bipartito para este dispositivo, que terá que velar pola conservación de dous millóns de hectáreas na comunidade. Destinaranse 49 millóns de euros á extinción de incendios, máis 24 de labores de prevención, o que suma 73 millóns. O director xeral de Montes, que xa ocupou este posto na última lexislatura de Manuel Fraga, lembrou que no ano de 2005 destináronse 20 millóns á preparación e 23 ás labores propias de loita contra o lume nos meses de verán.
Por outra banda, Fernández-Couto mandou unha mensaxe para os incendiarios, avisando de que hoxe en día “ninguén en Galicia pode apelar ao descoñecemento da norma” nin recorrer “a matices lacrimóxenos” en caso de que prenda lume na época estival, polo que “non hai desculpa”. Lembrou que no verán “queimar é delito” e asegurou que “a lei actuará con todo o peso sobre estas persoas” xa que os incendios son “unha sangría para todos os galegos”.
“Non existen brigadas seaga”
Na presentación de onte, o director xeral de Montes, defendeu que “non existen brigadas Seaga”, senón que hai “as propias e as contratadas a través deste” organismo público, que é “un elemento máis e non hai que eliminalo”, xa que “todas as contratacións son a través da Xunta”.
Ademais, contrariamente ao que denunciaba o PP cando estaba na oposición na anterior lexislatura, o responsable de Montes do Goberno galego dixo que os criterios de seleccións “son os mesmos” para os contratados a través das listas do Executivo que os que son empregados coa mediación de Seaga.
Sen bruxería
Ante a pregunta de se tería cambiado o dispositivo de ter tido tempo, Fernández-Couto asegurou que non quere “facer bruxería” e sinalo que o plan faino “o Goberno de Galicia”, antes o bipartito e agora a Xunta gobernada polo PP.
Tanto ao respecto de Seaga como do resto de elementos que conforman o sistema contraincendios, o director xeral de Montes, sinalou que este verán van “testalos” e “ver como funcionan”. “O que vaia ben manterémolo, e o que non, cambiarémolo”, sinalou o responsable da Xunta, que concluiu que o actual “non é un dispositivo a despreciar”, malia as críticas anteriores.

