Sindicatos e asociacións pedagóxicas ultiman un posicionamento común diante da consulta da consellería de Educación
Os contactos entre os diferentes colectivos da comunidade educativa galega multiplicáronse no día de onte cun obxectivo común: mostrar o seu rexeitamento á enquisa sobre o uso do galego nas aulas que a consellería de Educación distribúe dende o pasado luns.
Despois dunha primeira xuntanza, celebrada o pasado luns, fontes sindicais consultadas por Xornal de Galicia dan por seguro que, ao longo da xornada de hoxe, verá a luz un “documento” que agrupará a en torno a unha decena de organizacións e que, dirixido esencialmente aos pais, explicará os motivos deste rexeitamento.
“Deslexitimar a consulta”
Mentres o conxunto de colectivos ultiman este acordo, organizacións sindicais como a CIG-Ensino –que, previsiblemente, tamén participará do documento común– continúan a posicionarse diante do inquérito no que a Xunta apoiará o novo decreto de uso do galego no ensino.
Dende o punto de vista do seu secretario xeral, Anxo Louzao, cómpre “deslexitimar” unha enquisa que, lembra, “nin sequera” ofrece a “opción” de elixir un ensino integramente en galego.
Así as cousas, a central sindical avoga por “explicar” aos proxenitores que “a mellor maneira” de mostrar a súa preferencia pola presenza da lingua propia nas aulas é elixir a opción “de todo en galego” tendo en conta que esta “totalidade” se refire unicamente ás materias troncais.
Neste escenario, o sindicato anima aos pais dos alumnos a, no apartado destinado a “observacións” dentro do formulario distribuido pola Xunta, suliñar a necesisade de que “se aplique o Plan Xeral de Normalización Lingüística” e o decreto aprobado polo bipartito.
“Toda a sociedade ten dereitos”
Outro dos colectivos implicados neste posicionamento común, o Sindicato de Traballadores do Ensino (STEG), manifesta a súa intención de “apoiar en todo o posible” as accións de protesta.
Neste sentido, o STEG avoga por facerlle chegar aos pais que “toda a sociedade ten dereito a decidir que lingua se fala e se ensina nas escolas”, dado que os pais dos alumnos “non poden reivindicar o derito ao descoñecemento dunha lingua” por parte dos seus fillos no marco do currículum escolar que, lembran, compete á Administración.

