A directiva de Confapa pide que "debatan os políticos e se deixe á comunidade educativa en paz".
O portavoz de lingua no Parlamento galego, Francisco Cerviño, e o Secretario de Educación do PSdeG, Guillermo Meijón, reuníronse coa directiva de Confapa Galicia con motivo da enquisa sobre o galego que o goberno da Xunta enviou aos pais de alumnos trala derrogación do Decreto do galego. Con eles estivo Virgilio Vieites, Presidente de Confapa Galicia, que afirmou non estar para nada de acordo con esta enquisa. “Tedes que debater os políticos e deixar a comunidade educativa en paz”, dixo taxativamente.
Vieites trasladou ao Parlamento galego o debate sobre o idioma, e explicou que “o que nós queremos é que aos 16 anos os alumnos teñan as competencias básicas da lingua: entender, ler, falar e escribir”, pero matizou que “non entramos no debate do 40 ou 50%, iso no Parlamento”. Con respecto á enquisa, dende Confapa se apunta a que as familias con máis dun fillo cobren unha enquisa por fillo, pero a enquisa só pode respondela un dos pais. “A educación é algo moito máis serio: é un consenso de todas as forzas políticas e de toda a sociedade”, aseverou Vieites.Ademais lembran que na reunión que mantiveron co conselleiro de Educación o pasado 27 de maio en ningún momento se dixo que era unha enquisa sobre o galego, “senón para coñecer o estado real da educación en Galicia”. Engadiron que esta enquisa lles produce “inquedanza” e se senten “desolados porque en ningún momento se pensa nas necesidades dos nenos”, ademais de que é “un despropósito” e “busca un conflito entre os rapaces”.
Confapa Galicia aglutina máis de 600 asociacións de pais de alumnos de centros de ensino públicos galegos, e dende a directiva afirman que non se pode “dende as aulas contribuír á desigualdade social entre as linguas”.
