O novo responsábel do museo terá que configurar un plan de actividades en menos de tres meses
A parálise que os actores e as compañías veñen denunciando nos campos do audiovisual e as artes escénicas afecta tamén ao Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). Segundo fontes do padroado, a parálise administrativa na que está instalado dende o mes de marzo, cando o novo Goberno saído das eleccións autonómicas deu orde de suspender a contratación e organización de novas exposicións, mantén en branco a axenda de 2010 e mesmo ameaza con estragar algunhas das actividades previstas para este ano.
O novo director do CGAC, que sairá dun concurso internacional que a Consellería de Cultura prevé convocar nun prazo aproximado de dous ou tres meses, terá por diante unha axenda de infarto. Se os prazos se cumpren, tomaría posesión no último trimestre do ano, e tería apenas 90 días para empezar a cubrir o calendario do ano vindeiro, cando se celebra ademais o Xacobeo.
Segundo as mesmas fontes, a organización das mostras, sobre todo as de produción propia, levan aproximadamente un ano de xestión e traballo, polo que ha ser difícil que a programación da tempada vindeira estea á altura do que o CGAC vén facendo dende hai 16 anos, nos que a prioridade foi sempre a produción propia e non a itinerancia.
Unha situación análoga á que se dá no museo compostelán afecta ao Centro Dramático Galego (CDG), que non ten nada programado a partir do 1 de xullo, cando remata a programación prevista pola súa directora, Cristina Domínguez, para esta tempada. Neste caso, a parálise vén provocada polo descabezamento da Axencia Galega das Industrias Culturais, da que depende.
