Os grupos da oposición parlamentaria cargaron onte con dureza contra as medidas lingüísticas do Goberno galego, tanto no ámbito educativo como na Administración da Xunta
A través do seu deputado José Manuel Lage Tuñas, o PSdeG defendeu o actual marco legal da lingua, amparado na Lei e no Plan Xeral de Normalización, normas que, lembra, garanten a “liberdade” no referido a idioma.
Fronte a isto, di Lage Tuñas, o Goberno de Núñez Feijóo é o “primeiro na historia da autonomía que toma decisións contrarias á lingua galega” con decisións como a “eliminación da proba en galego nas oposicións” algo que, di, é unha “mostra clara da involución do novo PPdeG”.
“Os dereitos lingüísticos dos cidadáns –di o socialista– son irrenunciables e os poderes públicos teñen que protexelos”. Mentres, asegura, “o PP está facendo xustamente o contrario”.
Tamén o BNG criticou onte os últimos movementos da Xunta, especialmente, as que o deputado Bieito Lobeira define como “ameazas antidemocráticas” dirixidas dende Educación ata as direccións dos centros.
En opinión de Lobeira, a instrución do departamento de Jesús Vázquez enmárcase nunha “cruzada contra a liberdade de expresión” do gabinete de Feijóo xa que, di, mesmo “ameaza” con “aperturas de expedientes” aos docentes que realicen “calquera tipo de propaganda a favor da lingua”.
A xuízo do nacionalista, “este tipo de políticas” supoñen unha “involución” cara aos “tempos ben escuros, de represión e apagón informativo” que, afirma, provocou o Goberno de Manuel Fraga despois do afundimento do Prestige, no ano 2002.
