Iago Valverde é pai dun rapaz, Pablo, que cumpre este mes tres anos. O vindeiro curso comeza a estudar en Vigo Educación Infantil, onde tamén se lles está preguntando aos pais polas súas preferencias lingüísticas. Porén, Iago non poderá opinar. O seu fillo “aínda” non vai a clase, polo que non terá acceso á enquisa distribuída desde a Xunta nos centros educativos. O paradoxo, polo tanto, é que os pais dos rapaces que están agora en último curso de cada ciclo (Infantil, Primaria ou Secundaria) si poden opinar, pero non os país cuxos fillos comezan a estudar o vindeiro ano.
Iago, vigués de 30 anos, criado con avós galegofalantes pero educado na escola e no instituto en castelán, ao igual que a súa muller, ten esta última lingua como a habitual, e en castelán é tamén como está aprendendo a falar maioritariamente Pablo. As costumes de Iago son as comúns da súa xeneración, educada nos anos 80 en colexios do centro de Vigo nos que poucas asignaturas eran as impartidas en galego. Agora, sen confesar cal sería a súa elección se puidese participar na enquisa, Iago amosa en galego o seu malestar polo procedemento que se está a empregar. “Feijóo dixo que poderiamos opinar, pero resulta que eu non podo, que a miña opinión non conta a pesar de que o meu fillo vaise ver afectado polas súas decisións”, indica.
“Van repetir o vindeiro ano?”
Iago mesmo apunta que “se tivesen querido, ben podían preguntar no sobre de matrícula que teño que entregar para inscribir o meu neno na escola infantil, formas de preguntar á xente había moitas, pero así o resultado que obteñan non vai ter moito valor”.
Iago Valverde tamén se pregunta se desde a Consellería de Educación “van facer a mesma enquisa os vindeiros anos, ou non van ter en conta que a sociedade cambia, que ao mellor dentro duns anos podemos pensar outras cousas?”
Mentres, o fillo de Iago, Pablo, que xa quere ir á escola dos maiores, tampouco pode elexir. É demasiado pequeno para facelo. Pero xa sabe cales son os seus contos favoritos. “Garbancito”, en castelán, e “Lolo anda en bicicleta”, de Carlos Casares, en galego.

