Tras manter unha reunión con Jesús Vázquez, Carlos Callón define como "paripé" a enquisa aos pais posto que "xa teñen pensado o novo decreto".
Malia as boas formas iniciais, a xuntanza non acabou con entendemento. A Mesa pola Normalización Lingüística rexeitou a "actitude chulesca e de prepotencia" da Consellería de Educación porque, segundo denunciou, coa enquisa sobre as preferencias lingüísticas dos pais no ensino a Administración galega "vai escoitar, pero non fará caso". Así o resaltou en declaracións aos medios de comunicación o presidente da Mesa, Carlos Callón, tras manter durante case unha hora unha reunión co conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, en San Caetano.
"Hoxe demostrou o conselleiro e o secretario xeral que é un paripé e teatrillo porque xa teñen pensando o que van facer", sostivo Callón. "Opinen o que opinen as organizacións xa teñen o decreto. Van escoitar á xente, pero non van facer caso ao que opinen", apostilou. "Non hai garantía de que os resultados non sexan inventados pola consellería", advertiu. Neste sentido, A Mesa considerou que a intención da consellería "é derrogar o decreto actual para dar pasos atrás". "Significa o primeiro retroceso en toda a etapa autonómica", dixo Callón e engadiu que "non desmantela o avanzado co bipartito, senón todos os avances conseguidos na etapa autonómica".
Por iso, Carlos Callón considerou que "é necesario mobilizarse". Así, advertiu de que o goberno do PP "vai aproveitar o verán" para impulsar as "medidas de involución", polo que avogou por realizar protestas na época estival e a principios do próximo curso 2009-2010. Respecto diso, o representante de Mocidades pola Normalización Lingüística, Fran Rei, rexeitou o "ataque sistemático cara ao idioma" e reclamou que se teña en conta" a opinión dos novos estudantes. "Queren dar a súa opinión e imposibilítaselles na práctica", lamentou.
Callón explicou que a primeira reunión mantida co conselleiro e co secretario xeral "foi cordial e moi tensa por momentos". Así, lamentou a "actitude de prepotencia mantida en cuestións fundamentais" por ambos os representantes da Administración educativa.

