O departamento de Jesús Vázquez nega as acusacións e afirma que “a lingua non debe someterse a ningún proceso politizador”
A Mesa pola Normalización Lingüística rexeitou onte a “actitude chulesca e de prepotencia” da Consellería de Educación porque, segundo denunciou, coa enquisa sobre as preferencias lingüísticas dos pais no ensino a Administración galega “vai escoitar, pero non fará caso”.
Así o resaltou en declaracións aos medios de comunicación o presidente da Mesa, Carlos Callón, tras manter durante case unha hora unha reunión co conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, en San Caetano.
“Hoxe demostrou o conselleiro e o secretario xeral que é un paripé e teatrillo porque xa teñen pensando o que van facer”, sostivo Callón. “Opinen o que opinen as organizacións xa teñen o decreto. Van escoitar a xente, pero non van facer caso ao que opinen”, apostilou. “Non hai garantía de que os resultados non sexan inventados pola consellería”, advertiu.
Neste sentido, A Mesa considerou que a intención da consellería “é derrogar o decreto actual para dar pasos atrás”. “Significa o primeiro retroceso en toda a etapa autonómica”, dixo Callón e engadiu que “non desmantela o avanzado co bipartito, senón todos os avances conseguidos na etapa autonómica”. Por iso, Carlos Callón considerou que “é necesario mobilizarse”. Así, advertiu de que o goberno do PP “vai aproveitar o verán” para impulsar as “medidas de involución”, polo que avogou por realizar protestas na época estival e a principios do próximo curso 2009-2010.
Ao respecto, o representante de Mocidades pola Normalización Lingüística, Fran Rei, rexeitou o “ataque sistemático cara ao idioma” e reclamou que se “teña en conta” a opinión dos novos estudantes. “Queren dar a súa opinión e imposibilítaselles na práctica”, lamentou.
Prepotencia
Callón explicou que a primeira reunión mantida co conselleiro e co secretario xeral “foi cordial e moi tensa por momentos”. Así, lamentou a “actitude de prepotencia mantida en cuestións fundamentais” por ambos os dous representantes da Administración educativa.
Por iso, reclamaron no encontro que se manteña o actual decreto de galego no ensino en vigor, porque está avalado por máis do 90 por cento dos sindicatos, asociacións de pais e nais, movementos pedagóxicos e outros colectivos. “Defendemos o decreto actual, que significa consenso da comunidade educativa e do Parlamento de Galicia”, aseverou.
Así mesmo, A Mesa criticou que a Xunta gaste “uns 300.000 euros” nesta consulta “nun tempo que din que van levar a cabo unha política de austeridade”. “A cifra de 200.000 euros que deu Educación non é verdade”, afirmou e dixo que non ten en conta a distribución nos centros e a campaña publicitaria realizada nalgúns medios de comunicación.”É un dispendio”, afirmou Callón.
Pola súa parte, a Consellería de Educación negou que a enquisa “sexa un paripé” e manifestou que “a lingua non debe someterse a ningún proceso politizador, nin con fins partidistas”. O departamento da Xunta tamén anunciou que xa concluíu o reparto dos inquéritos polos colexios, dos que seguen a saír infinidade de queixas sobre a “falta de garantías” da consulta.

