Asegura que a Xunta actúa "con total corrección e legalidade"
O conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, ven de apelar á "boa fe", ao ser preguntado ao respecto da consulta que a Xunta ten previsto realizar entre dos pais, coa fin de dirimir cal é a preferencia idiomática no ensino. O responsable de Educación afirma que o Goberno autonómico está a actuar neste asunto "con total corrección e total legalidade". Así llelo expuxo o titular de Educación aos medios en Lugo, onde participou na presentación da campaña "Comer San Eco-Lóxico", que ten como obxectivo difundir a alimentación sa entre os máis pequenos.
"Nós, o que estamos facendo é consultar os pais, partindo dun principio democrático que supón a maior expresión de liberdade do noso país", concretou o conselleiro sobre a enquisa. Vázquez dixo que se está intentando, "por todos os medios", que na consulta participen a maior parte dos pais, "para poder chegar á maioría deles e que poidan decidir, en liberdade, sobre unha serie de temas", subliñou.
¿Seguidismo das teses de Galicia Bilingüe?
Tamén recoñeceu que o punto de partida sobre o decreto do galego, que estará listo "antes de Nadal", será esta consulta. "Este -dixo- é un Goberno que gobernará, a diferenza do anterior, para todos os galegos". Non quixo entrar en consideracións sobre as acusacións que se verteron ao actual Executivo de facer un seguidismo das teses de Galicia Bilingüe e na mesma liña tampouco se pronunciou sobre o contencioso que a CIG trasladará ao TSXG para que se paralice este proceso.
"Non fago valoracións. Penso que todo o mundo ten os seus dereitos e os tribunais están para atender este tipo de cuestións, aínda que penso que a xente xa falou e o proceso desenvólvese con normalidade", apuntou.
O conselleiro avanzou que xa son "centos" de pais e nais os que están realizando esta consulta e, concretou afirmando que "iso é bo e é un principio da democracia".

