>> As concellerías de Cultura de Vigo, Ferrol, Ourense, A Coruña, Pontevedra e Santiago asinan unha carta dirixida á Academia Galega (RAG).
>> Reinvindícase ao autor de Scórpio, militante reintegracionista, como candidato.
Poñan seis cadeiras máis á mesa da Real Academia Galega (RAG) porque hai novos e imprevistos convidados na deliberación do vindeiro Día das Letras Galegas. Seis das sete grandes cidades do país, isto é, todas agás a de Lugo, manifestaron onte o seu apoio a unha das dúas candidaturas que parecen ter máis opcións de protagonizar o 17 de maio do ano que vén. A través das súas respectivas áreas de Cultura, os concellos de Santiago, Ferrol, Ourense, Vigo, A Coruña e Pontevedra apoian publicamente o escritor e filólogo ferrolán Ricardo Carvalho Calero. Ao outro aspirante, o poeta Uxío Novoneyra, en calquera caso, quédanlle os municipios pequenos.
Nun acto moi pouco habitual, por non dicir totalmente inédito na historia desta celebración, instituída en 1963, seis concellerías asinaron onte unha carta dirixida á RAG na que reivindican ao autor de Scórpio, unha figura incómoda no panteón da cultura galega pola súa militancia reintegracionista, como o mellor candidato a ocupar o sitio que este ano lle tocou a Ramón Piñeiro.
A ocasión é, como recordaron os asinantes, especialmente acaída para lembrar o primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago (USC), cargo ao que accedeu en 1972. O ano vindeiro cúmprense cen do seu nacemento en Ferrol, cidade á que nunca deixaría de estar vinculado até o final dos seus días, malia a morrer na Compostela de 1990.
Na rolda de prensa, que tivo lugar no Concello de Santiago, a edila compostelá Socorro García Conde salientou a “necesidade” de escoller a figura de Carvalho Calero porque, vinte anos logo da súa morte, “aínda non recibiu o seu merecido recoñecemento”. Ademais da súa obra literaria, na que destacan libros de poemas como Pretérito Imperfeito ou Futuro condicional e novelas como Scórpio, que lle valeu o Premio da Crítica, a concelleira fixo fincapé no “compromiso” do profesor na defensa da lingua e a literatura propias a través dos seus estudos e das súas posicións ideolóxicas.
Cofundador da editorial Galaxia, onde publica a primeira obra narrativa en galego da posguerra, A Gente da Barreira, Ricardo Carvalho Calero foi tamén membro de honra da Associaçom Galega da Língua (AGAL) e da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), e membro ordinario da Real Academia Galega e da Academia das Ciências de Lisboa. Tamén son destacábeis a súa Gramática Elemental del Gallego Común, que superou todas as precedentes e actualizou con rigor científico o estudo da lingua, e a súa monumental Historia da Literatura Galega Contemporánea.
Por último, os partidarios da candidatura de Carvalho Calero, que remitirán decontado a súa carta ao presidente da RAG, subliñan o labor do intelectual ferrolán a favor das teses reintegracionistas. Sobre todo no último periodo da súa vida, o autor de Reticências defendeu unha ortografía etimolóxica para o galego e unha fixación de vontade internacional a través da reconciliación co tronco orixinario.

