A Consellería de Presidencia ten iniciados os trámites para rescindir o contrato firmado polo Goberno bipartito a unha empresa privada para que desenvolvese o software para o Centro de Xestión de Emerxencias de Galicia (Axega)
O contrato para desenvolver a plataforma tecnolóxica da sé de Axega foi firmado o pasado 27 de febreiro, a dous días das eleccións, tras un procedemento negociado sen publicidade, segredo e reservado que non ten xustificación, di Presidencia nun comunicado.
"O obxectivo do acordo era o desenvolvemento, cun prazo de execución de 16 meses, do software para o Centro de Xestión Integral de Emerxencias de Galicia, que necesita, no mellor dos casos, tres anos para que estea operativo. Polo tanto, a Xunta contaría cunha tecnoloxía moi cara que pasaría como mínimo vinte meses sen poder utilizarse e que, para cando se rematase o edificio, estaría desfasada", sinala a nota do departamento presidido por Alfonso Rueda.
Á vista desta situación, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza "ten decidido rescindir dito contrato e negociar un novo, polo procedemento ordinario e que garanta a transparencia e a libre concorrencia, que permita que todas as empresas galegas do sector das novas tecnoloxías se poidan presentar".
"O obxectivo", segundo o comunicado, "é dotar xa a Galicia dun software adaptado ás necesidades actuais e reais de atención de emerxencias na comunidade, que permita unha mellor coordinación de todos os efectivos implicados e mellorar o tempo de resposta ante as emerxencias".
Finalmente, a Consellería de Presidencia nega que teña intención algunha de privatizar os servizos de emerxencias de Galicia e recorda que, tal e como avanzou no Parlamento galego o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, entre as prioridades do departamento están a potenciación da xestión da emerxencia e a mobilización dos recursos existentes na comunidade, optimizando o seu emprego e a coordinación dos efectivos humáns e medios materiais dispoñibles.

