Directores de centros, libreiros e editores esgotan os prazos para pedir os manuais sen recibir instruccións da Consellería
A tan só cinco días de que remate o curso escolar, nin os directores dos centros educativos, nin os pais dos alumnos, nin tan sequera libreiros e editores coñecen o sistema de financiamento dos libros de texto para o vindeiro ano. A Consellería de Educación aínda non publicou no DOG a orde que establece as disposicións do programa de gratuidade dos textos para 2009-10. Este documento acompáñase dun anexo que os titores deben presentar nas librarias para solicitar o material e que os directores do centro tiñan no seu poder o ano pasado o 15 de maio, razón pola que nestes momentos o proceso se atopa paralizado.
A pesar da preocupación que manifestan pais e docentes, dende Educación aducen que están traballando na Orde, pero non precisan cando se fará pública. Afirman que a consensuarán con todos os sectores implicados e que, malia que o PP levaba no seu programa electoral a retirada do actual sistema de préstamo, para garantir aos menores a titularidade dos manuais, nada está decidido. “Séguese estudando, o que non significa que se vaia a suprimir”, din.
José Ángel Suárez Alonso, presidente da Asociación de Directores de Institutos de Galicia, afirma que entre o colectivo esta situación se vive con “malestar”. “Está todo retrasado e os alumnos teñen que saber nunha semana cal é a súa situación para o ano que vén porque a gratuidade conleva moita burocracia; a Consellería estanos facendo partícipes desta situación, precisamente no momento no que temos máis carga de traballo”, asevera.
Suárez Alonso considera que non é viable modificar o sistema de cara o próximo periodo escolar dado que non recibiron ningún tipo de información por parte da Xunta. “O decreto tería que pasar por varios trámites ata chegar ao Consello da Xunta e non queda tempo; ademais, sería unha medida moi impopular”, segundo valora.
A gratuidade dos libros mediante préstamo afecta a alumnos de Primaria e Secundaria, pero o presuposto de Educación para este cometido contempla tamén a reposición de volumes deteriorados e o aumento da demanda, xa que os cursos non son homoxéneos e o lote doutros anos pode ser insuficiente.
Porta a porta
Namentres todas estas cuestións estaban pechadas o ano pasado a estas alturas, se o 22 deste mes (data na que remata o curso) os directores non coñecen o procedemento a seguir, non poderán notificarlle aos pais cando teñen que recoller a documentación para solicitar os volumes a través dos nenos, polo que terán que chamar individualmente a cada familia.
A falta de operatividade da Xunta provoca que as librarias estean tamén pendentes de facer os pedidos as editorias, xa que, normalmente, reservan en función das solicitudes formuladas a través dos anexos que acompañan á orde do DOG.
Antonio Fernández Maira, coordinador da Federación de Libreiros de Galicia, afirma que no sector hai “precupación porque estamos enriba das datas; as listas teñen que estar publicadas antes de fin de mes. Dende o 15 de xuño hai centros que as teñen, pero outros non”. Considera que “sería unha chapuza modificar o sistema con tan pouco tempo” e que “os máis afectados son as familias porque terán que solventar o tema durante as vacacións de verán ou en setembro e é un follón”.
Como a Asociación Galega de Editores (AGE), os libreiros non ven negativo que se cambie o sistema. O presidente de AGE, Alfonso García Sanmartín, di que defenden a gratuidade en función da renda e sempre que os alumnos manteñan a propiedade dos textos, para dar viavilidade ao sector. Non obstante, recoñece que o mellor sería “ter o decreto fóra” a estas alturas.
Pola súa parte, Virgilio Gantes, presidente da Confederación galega de Anpas de centros públicos (Confapa-Galicia), afirma que o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, lles ratificou que non eliminaría a gratuidade e que facelo, “sería unha barbaridade”.
Pois como é unha falacia que son gratuitos, co cal todos estamos dacordo...veña ¡a gobernar!...a facer uns baremos para que quen teña que pagar a totalidade a pague, para que quen teña tres nenos pague unha cantidade e quen teña un outra, etc,etc,etc. Porque vir agora a decir chorradas sobre material nas webs e que se gasta muito en burocracia é doado... ¡Xusticia divina vai ser explicarlle a xente que e regresivo e non progresivo que volten a pagar os libros mentras se gastan 200.000 € machacantes nunha enquisa amañada! ¡Que sorte ten Feijoo e o novo conselleiro que van lidiar con este morlaco!
Un último comentario : Seria loxico que aqueles colexios donde os pais paguen cantidades "voluntarias" que axuden a que os fillos dos indeseables non entren pagasen os seus libros de texto, porque si hai cartos para unha cousa tamen a deberia de haber para outra.

