O persoal docente denuncia que o cuestionario que se está a enviar non pode obter datos fiables
O rexeitamento á consulta aos pais sobre o idioma por parte dos sectores relacionados co ensino segue adiante. Onte o profesorado e o Consello Escolar do Instituto de Educación Secundaria de Valga, o do CEIP Rúa de Cangas en Pontevedra e 35 dos 50 membros do cláustro do Pintor Colmeiro de Silleda manifestáronse en contra do inquérito promovido pola Consellería de Educación.
A maioría dos profesores do centro Pintor Colmeiro de Silleda acordaron enviar ao departamento da Xunta dirixido por Jesús Vázquez un comunicado no que especificaban que “o cuestionario de consulta ás familias que se está a mandar aos centros de ensino, non pode obter datos fiables”.
Segundo os docentes deste centro, “se a consellería en realidade quere coñecer a opinión dos pais ao respecto do uso das linguas no ensino dos seus fillos, poderían contratar os servizos dun organismo ou empresa especializada na realización de enquisas”. Por estes e outros motivos o personal educativo asinante deste comunicado pide “a inmediata paralización de todo este proceso”.
Non foi o único centro que onte se dirixiu aos medios para manifestar o seu descontento coa enquisa da Xunta aos pais. O claustro de profesores do Instituto de Valga e a Asociación de Pais e Nais Bella Otero de Valga manifestaron o “profundo malestar existente en toda a comunicada educativa pola utilización interesada que a consellería está a facer dos mesmos para a recollida e xestión de datos da citada enquisa, que ten un carácter exclusivamente político”.
Segundo o comunicado, “as instruccións que se están a mandar dende a consellería son contraditorias, remitidas por cargos non identificados e que pretenden que os directores e directoras dos centros asuman o papel de controlar e denunciar a existencia das opinións diversas que a citada enquisa poida xerar nos colexios”. Igualmente, os profesores deste instituto pontevedrés destacan a “inoportunidade da enquisa polo momento do curso no que se realiza”.
Do mesmo xeito, a federación de Ensino do sindicato CIG manifestou onte o seu rexeitamento “as denuncias feitas polo senador do PP, Juan Juncal, contra a dirección do centro Issac Peral de Ferrol por supostamente instar aos pais a rexeitar a consulta ao acompañar o inquérito cun tríptico”.

