Os docentes apostan por unha educación en varias linguas como garante de beneficios para os estudantes á hora de estudar outras linguas extranxeiras
A Xunta de Facultade de Filoloxía e Tradución, que se reuníu o día 18 de xuño de 2009, manifesta a través do escrito que se repoduce a continuación, a preocupación dos seus membros pola actuación do goberno da Xunta de Galicia verbo das linguas galega e española nos ciclos formativos obrigatorios.
Os docentes, profesores/as de lingua e literaturas española, galega, francesa, inglesa, alemá e portuguesa e profesores/as de tradución e interpretación,
a)apostamos claramente por unha educación en varias linguas. Unha educación deste tipo só produce beneficios para os estudantes, calquera que sexa a orientación profesional que nun momento determinado escollan. En Galicia, o sistema educativo ten que estar baseado no coñecemento das dúas linguas do país, modelo que axuda ó coñecemento doutras linguas estranxeiras.
b)entendemos que os gobernos deben ter unha política educativa propia que apoie a implantación dun modelo de ensino que fomente a convivencia, partindo do recoñecemento da realidade de cada país.
c)constatamos que o ensino superior se ve afectado polas políticas educativas que se implanten nos ciclos formativos obrigatorios. Polo tanto, o ensino universitario pode sufrir un deterioramento se se adoptan políticas erradas no ensino primario e secundario.
Por iso, non entendemos e criticamos:
1.Que se tente introducir un modelo educativo en que non haxa unha aposta decidida por unha educación que estea alicerzada na alta competencia nas dúas linguas do país.
2.Que se fagan consultas sobre temas educativos sen ter en conta a todos os implicados no proceso, especialmente sen contar coa opinión dos educadores, e que isto se realice a través dun procedemento que non reúne as mínimas garantías de rigor e fiabilidade.
3.Que, no nome da liberdade, se couten as posibilidades reais de que os cidadáns e cidadás reciban atención en lingua galega na administración-
4.Que, en definitiva, se desprotexa, con distintas medidas, a lingua propia do país, o galego, que sufriu unha discriminación histórica e que, despois de anos de regulación, aínda non conseguiu unha igualdade co castelán, feito que ten a súa orixe no pouco entusiasmo, manifestado polos distintos gobernos, en aplicar a lexislación lingüística.
5.Que se xere un conflito lingüístico nas aulas e que se sinale a lingua galega como xeradora dese conflito.
6.Que se estea creando unha situación lingüística e social que afectará a toda a sociedade e tamén, nun futuro, á calidade do ensino universitario.
E tamén solicitamos:
1.Que toda a lexislación lingüística que a partir de agora se redacte teña, polo menos, unha base consensuada entre os partidos políticos.
2.Que esa lexislación teña como obxectivo básico conseguir que a lingua propia de Galicia teña un recoñecemento semellante ó do castelán, no ensino e na sociedade.
3.Que se entenda que o ensino non é o lugar para resolver as tirapuxas políticas e que debe prevalecer a cordura, especialmente nos responsables do deseño das políticas educativas. Esta cordura, aínda non existente, terá que vir da reflexión pausada e da escolla das mellores persoas para levar adiante as accións de goberno.
