Outro grande escritor galego, foco de atención onte, foi Agustín Fernández Paz, que recibiu a homenaxe O escritor na súa terra, organizada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega na súa vila natal, Vilalba.
Os actos comezaron ás 12 do mediodía no barrio das Fontiñas, onde se inaugurou o parque Agustín Fernández Paz, coa plantación dunha bidueira, árbore que o autor escolleu, facendo alusión a unha pasaxe d’As paisaxes da memoria.
A celebración completouse cun acto público no Centro Cultural e Recreativo de Vilalba e un xantar-xuntanza dos escritores que asistiron á homenaxe, entre os que se contaron, ademais de diversos representantes da cultura galega, os seus compañeiros de Avantar, aquel grupo que revolucionara a ensinanza dende o idioma, característica que resaltou Manuel Bragado, director de Xerais, na laudatio.
Pola súa banda, o discurso de Agustín Fernández Paz estivo dividido en dúas partes, unha retrospectiva da súa obra e outra máis persoal e emotiva, na que falou do seu amor por Vilalba, onde pasou a súa infancia e a descubriu a literatura.

