Extractos da súa intervención parlamentaria de 1983 para pedir o regreso de Castelao sacados do libro A Terra cantada, publicado por Edicións Xerais
Señor Presidente, Señorías, a iniciativa desta proposición de lei ten a súa orixe no xeito máis estrito da palabra, no intento por parte deste deputado –que supoño compartido por todos os deputados aquí presentes– en que retornen na harmonía de todos os galegos, e que retornen co significado político non discriminatorio que ten a figura de Castelao. (...) Esta Cámara nos pareceu o lugar máis apropiado para determinar que o conxunto do pobo galego acorde na medida que lle corresponde, a volta dos restos de Castelao ou, o que é o mesmo, manifeste a vontade desta volta.
(...) Castelao manifestaba o seu desexo –cito literalmente– de “retornar a Galiza, non para morrer, senón para vivir” (...) Castelao sempre defendeu os dereitos de Galiza como “unha nación perfectamente diferenciada” admitindo a vía da autonomía política –que hoxe en día estamos aquí a protagonizar– como un paso cara o autogoberno nacional, máis non unha autonomía subordinada, con “atribucións precarias e restrinxidas”, segundo as súas propias palabras.
(...) A volta de Castelao significa o retorno dun dos pais da Galiza moderna, dun dos construtores de Galiza como nación. O noso pobo necesita da volta de Castelao. A presenza en Galiza dos seus restos simboliza o dereito da nosa nación á súa liberdade. (...) Este acordo debe tomarse coa conciencia clara do significado da obra de Castelao, inequivocamente unida á súa crenza no carácter nacional de Galiza e da necesidade de lograr o pleno autogoberno nacional, na libre solidariedade cos pobos do Estado español e Portugal.
(...) Debemos conxugar o protagonismo do Parlamento coa necesidade de que, xustamente, todo tipo de institucións, todo tipo de forzas políticas, sociais e económicas poidan sentirse representados. (...) A forma apropiada é que sexa protagonizada en sentido estrito polos que custodian os seus restos en América, polos galegos da emigración. (...)

