Na vindeira semana cúmprense 25 anos do traslado dos restos do galeguista Alfonso Daniel Rodríguez Castelao a Galicia, unha medida que foi moi protestada por sectores nacionalistas e de esquerdas, que acusaron á Xunta de querer apropiarse da figura do rianxeiro e soterrar as súas ideas políticas. Ao final, o evento acabou en caos
A súa obra magna –Sempre en Galiza– incorpora no seu comezo unha premonitoria confesión: “Estou lonxe da miña terra”. A frase complétase cunha concreción que o tempo converteu en dor ou en humor negro: “Estou en Badaxoz”. Corría 1935 e o artista e símbolo da galeguidade Alfonso Daniel Rodríguez Castelao xa coñecía o desterro, máis ou menos achegado pero desterro. O bienio negro levouno a Estremadura. Logo retornou para verse obrigado ao adeus definitivo co golpe de estado de 1936. En 1950 morría en Bos Aires, onde estivo enterrado durante 34 anos. O próximo sábado cúmprese un cuarto de século do regreso dos seus restos a Galicia, onde agora moran no compostelán Panteón de Galegos Ilustres. O 28 de xuño de 1984 e en medio da forte protestas dalgúns sectores nacionalistas ou de esquerda, Castelao abandonou o exilio para plantarse na eternidade en chan galego.
Moitos dixeron que aquilo foi unha descarada a operación cosmética da dereita; outros defenden que a creación dunha conciencia autonómica galega precisaba un acto de tal simboloxía. Nalgunha parede aínda se percibe a pintura desgastada dunha vella pintada: “Castelao, desterrado na propia terra”. Era unha frase de protesta polo regreso dos restos do intelectual rianxeiro e de homenaxe á súa figura, a única que puxo de acordo a todos naqueles tensos días de hai 25 anos nos que moitos acusaron ás autoridades de devolver ao galeguista ao solo do país, pero deixando a súas ideas en Badaxoz.
“Eu cría que Castelao estaría mellor aquí que na Chacarita (cemiterio arxentino que acollía os restos do escritor). Houbo xente que tirou do peto iso de que Castelao non quería volver a Galicia ata que esta estivese liberada, pero a realidade é que xa rematara o franquismo que era o que o levara ao exilio e polo tanto podía regresar”, comenta Camilo Nogueira, daquela deputado de Esquerda Galega e que fixo a proposta parlamentaria para repatriar os restos, logo aprobada por unanimidade polas forzas políticas presentes na Cámara, que non eran todas. Os tres deputados do BNPG-PSG foran expulsados por negarse a xurar a Constitución, posto que consideraban que non recoñecía os dereitos nacionais galegos. Montados nesa polémica, eles comandaron o rexeitamento á decisión. “Nogueira fixo un papel tristísimo, facéndolle as beiras a todos aqueles que realmente o que querían era sepultar as ideas do nacionalismo e do propio Castelao”, afirma Francisco Rodríguez, entón, como agora, dirixente da UPG, integrada na coalición apartada do que eles denominaban “parlamentiño”. Aquela división chega ata hoxe, malia que durante moitos anos Nogueira e Rodríguez compartiron espazo político no BNG, incluso un como deputado en Madrid e o outro en Bruxelas. “Se falamos daquilo durante todo ese tempo? Non, para nada. Eles non son dados a recoñecer erros e por iso os seguen a cometer”, afirma o ex europarlamentario. Non obstante, ambos comparten unha idea: “O ideario de Castelao segue vixente”.
A polémica foi forte no social. A división no nacionalismo incluso terrible. Rodríguez explica a súa postura, que reafirma 25 anos despois. “A decisión foi antidemocrática, con tres deputados expulsados. Nese contexto non se podían traer os seus restos mortais, e menos con aquelas intencións, porque trouxeron o cadaleito para nada. Alí está abandonado en Santo Domingos de Bonaval, sen ningún tipo de recoñecemento, facilidade para visitalo ou información sobre a súa obra e ideoloxía, iso demostra que o que único que querían era expulsar a Castelao na súa propia terra”. Critica aos nacionalistas que impulsaron o acto, pero tamén ao Goberno da Xunta de Alianza Popular, o actual PP, no que se integraran algúns dos cadros máis demócratas e reformistas dos últimos tempos do franquismo e que, en Galicia, achegouse a posicións de certo galeguismo, como faría durante a súa etapa en San Caetano o que era o seu líder, Manuel Fraga. “Utilizaron o regreso dos restos de Castelao para aproveitarse da súa lexitimidade”, acusa Anxo Guerreiro, na altura deputado polo PCG.
“A decisión tomouna o Parlamento por unanimidade e, polo tanto, o pobo galego soberano”, deféndese Gerardo Fernández Albor, que era o presidente da Xunta e que lembra que tamén contaron co apoio da única familiar viva de Castelao, a súa irmá Teresa. “Eu viaxei ata Rianxo para pedirlle a súa opinión e ela dixo non só que quería que volvese a Galicia, senón que fose enterrado en Santiago”. Así foi, pero entre incidentes. “Teño un recordo grato polo feito de que Castelao volvese a Galicia, pero ingrato porque algúns sectores coas súas protestas fixéronlle un feo a todos os galegos e sobre todo ao propio Castelao”, comenta. “As imaxes foron moi tristes e o peor é que aínda hoxe ninguén se responsabilizou do ocorrido”, engade Albor.
O domingo anterior á chegada dos restos, que coincidiu co aniversario do plebiscito do Estatuto de 1936, unha importante manifestación contraria ao regreso provocou xa algúns incidentes, que se reproduciron o mesmo día no aeroporto de Lavacolla e ao pé de Santo Domingos de Bonaval. As imaxes destes últimos foron retransmitidas en directo por TVE en Galicia e emotivamente narradas pola xornalista Tareixa Navaza, o que provocou o cese do director do ente, Alexandre Cribeiro. “Reprimiron incluso por algo tan simple como recitar en directo pasaxes do Sempre en Galiza, o que proba que realmente non querían a Castelao, foi unha utilización”, insiste Francisco Rodríguez, que viviu en primeira persoa aqueles momentos. “Houbo unha mobilización enorme e tamén moita represión. A min prendéronme na manifestación anterior e pasei dous días encerrado na comisaría”, lembra.
No aeroporto, tamén houbo tensións. Primeiro, o avión chegou con catro horas de adiamento e ademais unha chamada telefónica avisaba dunha ameaza de bomba que non foi tal. Alí estaban persoeiros que querían recibir os restos e tamén manifestantes, ás veces coincidentes. Xesús Alonso Montero ou Isaac Díaz Pardo toparon coa Guardia Civil. Tamén Anxo Guerreiro, formando parte da masa crítica da esquerda non nacionalista, contraria ás formas, que non ao traslado en si. “ Nós si críamos que xa se daban as condicións para a súa volta, ao contrario que outros, pero non daquel xeito, que foi esperpéntico e lamentable. As imaxes da súa chegada a Bonaval reflicten o disparate que foi todo”, sinala. “Castelao non merecía iso, merecía un consenso de todos”, sentenza.
A organización correu a cargo da Xunta e acabou no coñecido escándalo. O Goberno non quixo facer caso aos que pedían unha fórmula máis aberta e unitaria, liderada por unha comisión mixta con presenza de todos aqueles que compartiran vida e experiencias con Castelao. Descartouse esa opción, dando azos a aqueles que falaban de apropiación e servindo en bandexa a lea. “Eu fixen a proposta e logo foi a Xunta quen a fixo efectiva como quixo, pero iso xa non foi cousa miña”, apunta Camilo Nogueira, fortemente increpado polos partidarios do BNPG. “A min chamáronme de todo, pero supoño que agora se darán conta de que foi un erro, non sei. Moitos dos que estiveron en contra logo foron a Bonaval a facer ofrendas e a Chacarita non ían ir. O que pasa é que tiñan e aínda teñen unha visión sectaria que segue a facer dano ao nacionalismo galego”, comenta o que tamén foi redactor do ambicioso Estatuto dos 16, que recoñecía a Galicia como nación e que tivo o apoio de case todas as forzas políticas malia que despois foi notablemente rebaixado en Madrid.
Terían admitido os sectores máis hostís o retorno de Castelao se este seguise outro plan? Francisco Rodríguez cre que non pero deixa a porta lixeiramente aberta: “Sería moi complicado, pero en todo caso podería terse cedido con outra organización, outro lugar, outras xentes e cun sentido a longo prazo, non así anestesiado e logo dun acto claro de manipulación”. Polo tanto, o dirixente da UPG mantén a vixencia daquel dito de que non se daban as circunstancias para que o rianxeiro volvera a Galicia, que o país seguía sen alcanzar a cota de soberanía necesaria. Niso tamén discrepa Nogueira. “Eu estou orgulloso do que fixen. Porque tampouco se sabe cando vai ser ese momento no que Galicia estea liberada, pero dende logo, recoñecer a Castelao foi un paso dentro do proceso de liberación nacional, como o foi participar do xogo autonómico como método de avance, algo que outros tampouco querían facer e ao final revelouse como fundamental”, asegura.
Pero non todos os argumentos que se moveron arredor do regreso dos restos de Castelao pertencían á órbita do político. O aval do que tirou a Xunta foi o desexo da súa irmá, que protagonizou sentimentais escenas xunto ao cadaleito do galeguista. Esperaba a chegada cunha mistura de “intranquilidade e felicidade”, como confesou ao diario El País nunha información firmada por Manuel Rivas, na que Teresa –que faleceu no ano 2000– desvelaba que a última vez que vira ao debuxante e político fora en xuño de 1936, a menos dun mes de que comezaran a soar as armas franquistas. “Mamá non quería que foramos a eses actos, pero ese día como nun presentimento mandounos ir e dixo que lle deramos un bico a Daniel, que as cousas andaban mal”. Foron a peor. Logo melloraron obxectivamente, se ben está por ver se este era o escenario co que soñaba Castelao. “Vexo afastarse as posibilidades dunha repatriación honrosa”, escribiu en Sempre en Galiza. Volveu. Pero a súa chegada non foi a mellor. Anxo Guerreiro resume: “Estamos en débeda con Castelao”. Por aquilo e por todo.

